Galego internacional

|

A Associaçom Galega da Língua (AGAL), creada en 1981 co fin de reincorporar o galego ao ámbito luso, e autora no ano 1983 da denominada normativa reintegracionista ou lusista -que desde entón manexou e defendeu-, acordou o pasado mes de decembro apostar polo binormativismo, isto é, o uso de dúas normas para a escrita do galego: a usada para escribir en portugués, baixo a denominación de galego internacional, e a empregada como oficial desde 1982, co nome de galego local; cualificativo, ao meu parecer, non moi axeitado.

Lástima que no seu momento a norma non se tivese elaborado doutro xeito e cun maior consenso. Certo é que a escollida como oficial está chea de aproximacións innecesarias ao castelán, mais sempre a estimei como preferible en aras da independencia do galego. Non obstante, a día de hoxe, dada a perda alarmante de falantes que sofre o idioma, talvez o único futuro posible sexa volver ás orixes, aínda que for como variante do portugués. Quen sabe? Tamén se cría que cando o galego recuperase usos considerados cultos estaría normalizada, e xa vemos que non foi tal.

Galego internacional