CURRÁS GAÑA A BETETA

Unha das poucas veces que se reuniron os caciques autonómicos co Goberno para non pedir nada, nin sequera un pequeno aeroporto de voos internacionais, foi no último consello de responsables das facendas dos reinos do Estado. Foi unha grande sorpresa que Andalucía presentase un déficit dentro do normal e que non fose necesaria unha resolución da ONU para intervir as contas de Griñán e quedar baixo mando do FMI.

O que deixou un pouco calados aos pensadores da capital do Reino foi que precisamente a comunidade comandada por Esperanza Aguirre presentase un balance falseado, seguindo a escola do felipismo cando se inventou a contabilidade creativa. No caso de Valencia, outra autonomía tocada, o que resulta rechamante é que non presente máis déficit público. Hai que recordar que o famoso Camps era posto como modelo de xestión e de aí que gañase todos os comicios, incluso despois de morto.

Como consolo, por aquí queda o dito aquel de pobres, aínda que honrados, dando por suposto que se un se fai rico non é polo seu esforzo, senón por negocios escuros

Os galaicos pouco coñecemos daquelas terras levantinas, a non ser as fallas, que non teñen comparación coa nosa capacidade de plantar lume no monte, as laranxas, algo de Kempes e modernamente unha carreira da Fórmula Un ou de veleiros. Un modelo de xestión se non fose porque os cativos ían recibir escolarizacións en colexios que pouco máis eran que alpendres, emulando obras literarias de Blasco Ibáñez.

Como consolo, por aquí en terras de Breogán, queda o dito aquel de pobres, aínda que honrados, dando por suposto que se un se fai rico non é polo seu esforzo, senón por negocios escuros. Isto non debeu de sentar ben na capital do Reino porque ás poucas horas de coñecer os balances deficitarios, as mentes da meseta se aprestaron a incluír a Galicia no vagón de mentireiros contables. Deben de pensar por alá que aquí non sabemos levar ao día os pagamentos nin a pesar das continuas viaxes de Feijóo pola Corte, que se explica mellor que Touriño polos madriles e sen pór acento de Chamberí, como o anterior colega de Quintana.

Hai que darlle a razón ao dos Peares cando di que comezamos antes as políticas de contención do gasto. Se ben é verdade que non foi debido á pantasma de crise, senón a motivos postelectorais das touriñadas do bipartito, non hai mal que por ben non veña, xa posto a tirar de cultura popular. Aquí a redución do gasto público non supoñe máis que media hora de Consello da Xunta. Cunha listaxe de entes e organismos paralelos creados na época de Fraga e ampliados polo goberno socialista-nacionalista era simple cuestión de típex, aínda que non fosen tan mediáticos como vender coches oficiais.

O que quedou claro foi que a nosa Currás e máis eficiente que o Beteta de Madrid, que pese a ter nome de futbolista meteu un gol na súa propia portería, sacou de centro e ao final do partido dixo que el era suplente e que nin sequera estaba convocado.

CURRÁS GAÑA A BETETA

Te puede interesar