NELSON MANDELA, O AVÓ VENERABEL

Cantas persoas nacidas baixo o fado da soberanía herdada para ser rei do seu pobo sacrifícan toda a súa vida persoal por loitar contra os privilexios dun réxime capitalista e racista? Pois así foi Nelson Mandela ou Madiba, como lle chaman os seus, o avó venerabel. Vintesete anos na cadea que ía ser perpetua. Cantos que hoxe cantan os beneficios da cadea perpetua celebran o funeral de Mandela? O fado compensouno sendo nonaxenario. A Mandela, o prisioeiro 46664. Un número non máis no réxime de Pretoria. Avalou da loita armada á non-violencia de Gandhi. Menos sorte aínda correu Martin Luther King na devastación que usa EEUU.
Mandela conseguiu apartar ao Apartheid. Mais non conseguiu erradicar o racismo de todo, a miseria dos sudafricanos que sobreviven nun país tan moderno.
A pesares da súa entrega incondicional, da súa empatía co nemigo, da súa defensa incansabel dos dereitos universais, do Nobel da Paz... a pesares de cantar a canción máis fermosa do mundo, a do amor universal, a de predicar co exemplo, á da xenerosidade e a firmedume na conquista da igualdade, non conseguiu que Sudáfrica sexa unha sociedade igualitaria onde ninguén sexa discriminado, onde non se pase fame, onde non haxa especulación de mercados, capitalismo salvaxe...
Algúns queren enterrar axiña a Mandela para esquecer ao preso 46664! Algúns queren que ignoremos que Mandela era amigo entrañabel de Fidel Castro ao que convidou a ir aos seu país, ao que lle agradeceu a axuda sanitaria e educativa.
Algúns queren esquecer a simpatía de Mandela cara ao Che Guevara, cara a Mao, ao igual que queren manipular o significado político de Gandhi! Algúns esquecen que Mandela tiña ideoloxía e non a agochaba. Esquecen que Mandela loitou pola Igualdade en maiúscula, por unhas condicións laborais dignas, polo dereito á educación libre e gratuíta, fóra dos ghettos, por unha sanidade gratuita para todos.  
Nós, os europeos de segunda, que poñemos concertinas nas fronteiras africanas, que marxinamos aos que chegan en pateras ou dentro de buratos inmundos de camións con mercadorías  da explotación globalizadora, que adoptamos meniños africanos mais esquecemos as súas orixes, que lles agasallamos cos refugallos tecnolóxicos dos nosos puntos limpos, que lles roubamos o coltan e os diamantes e dicimos que nos veñen sacar o traballo.
Nós, que lles deixamos a praga mortal da Sida e enviamos as sotanas para que prohiban os preservativos e siga a espallarse a morte de mulleres e meniños coma un silencioso holocausto.
Nós, os demócratas, que nunca enxergamos a ledicia vital deste continente, desa terra prometida de onde saiu a peregrinar a especie humana, onde viven as nosa raigames, a descoñecida Lucy, ese elo perdido na evolución que xa tantos racistas volven a negar en tantas escolas. Nós que endexamais seremos quen de beilar e cantar nas honras fúnebres. Nós, os que padecemos esa síndrome perpetua de superioridade de raza branca almidonada, que seguimos a ser coma os boer holandeses colonizadores, coma eses brancos que aparecen en Lonxe de Africa de Isak Dinesen que tachaban de salvaxes aos kikuyus por non querer soterrar aos seus mortos e deixalos nas pradeiras para que os leóns ou as hienas poideran dar conta deles e así renacer na cadea da vida. África é o continente inocente que endexamais se poido ceibar dos gobernos títeres do capitalismo europeo e norteamericán.
A actitude do Primeiro Mundo coa inmigración, a apropiación da súa materia prima, o negocio da caza furtiva e dos safaris de magnates e reis demócratas, a inxusta loita contra os mal chamados piratas somalíes... dá noxo.
Tanta soinamoina derrega o espírito! Asistimos durmidos ao desmantelamento do Estado do Benestar antes de ser xeralizado a toda a poboación europea e ficamos pampos de ver aos nosos explotadores, aos políticos corruptos e cobizosos que nos venden ás transnacionais do Capital, aos promotores de políticas segregadoras, marxinadoras, discriminatorias, racistas, sexistas, escravistas... asistir coas súas gravatas e americanas impolutas ao funeral do home que escribiu a Canción máis fermosa do mundo que cantaba Sabina e Pablo Milanés. Non sabiamos que a primaveira durara un segundo!

NELSON MANDELA, O AVÓ VENERABEL

Te puede interesar