Novamente Dylan

Comezando a semana achegueime a Santiago escoitar e ver Bob Dylan, a quen xa tiña visto e escoitado hai catro anos no Barclay Center de Madrid. Daquela, 6 de xullo de 2015, andaba a promocionar o que era o seu último disco Shadows in the night, onde versionaba  dez baladas de Frank Sinatra. Porén, no concerto só interpretara dúas delas e o resto foran temas propios, algúns moi coñecidos, se ben o xeito de executalos os facía pouco recoñecibles, tal o caso de “Blowin’ in the Wind”, que agora recorde.
Lembro que, ata que chegara ao de “The answer, my friend,...”, non identificara aquela canción que tantas veces escoitei, e mesmo cantei, ao longo dos cincuenta anos ben andados transcorridos desde que a ouvín por vez primeira. Porque certo é que a música de Bob Dylan, e o propio personaxe nado en Duluth, forman parte da paisaxe da miña adolescencia ferrolá. A quinta planta do edificio que durante anos albergou a Rafael y Vicente sabe desa historia. Na daquela residencia da familia Araguas Álvarez, co moi caro e vello amigo Vicente e con algún que outro benquerido compañeiro da altura, teño escoitado moita música nos anos centrais da década dos sesenta. Entre ela, como non, a de Dylan: “The Times They Are a-Changin’”, “Just Like a Woman”, “Like a Rolling Stone”,  “Mr. Tambourine Man”, a citada “Blowin’ in the Wind”...
É por iso que, ao ler na prensa do día seguinte do concerto do Premio Nobel no Multiusos do Sar os entusiastas comentarios dalgunha xente, un amable sorriso encheu o meu rostro. Falaban con emoción de seguilo desde había trinta, corenta, corenta e tres anos... Eu, naturalmente algo maior, xa levo desde que os seus primeiros discos se puxeron á venda en Ferrol. Vicente Araguas non se conformou só con seguilo. Nada menos que se doutorou cunha tese sobre as súas letras.
Sobre o concerto debo dicir que gocei máis desta volta que da anterior. Os temas foron  cousa ben diferente. Houbo unha mestura de vellos temas, interpretados neses novos xeitos que non os fan identificables, opción que me parece interesante e outros máis achegados no tempo que si se recoñecen ben. Tería agradecido algo de toque de guitarra, mais tampouco vexo mal que toque piano cando esa está nas mans de tan brillantes intérpretes como os que forman o grupo que o acompaña. En resumo, unha tarde-noite que pagou ben a pena. 

Novamente Dylan

Te puede interesar