O apóstolo Prisciliano e o amaciador fortificante

Disque viñeron os espartanos, cos seus homoioi terratenentes, coas súas expropiacións indebidas, coas súas infindas posesións seculares onde o comunal mudara en estado kapital. Viñeron os espartanos cos seus neodamodes, cos seus ilotas libertos, cos seus escravos escolleitos na tralla das batallas redivivas. Viñeron a apertar unha estatua que crían ortodoxa. Eses sorriso sorneiro do Daniel dende o pórtico da Gloria, ese sorriso á gioconda do Zebedeo. Prisciliano, secuestrado na mitra das pingadelas tecía unha arañeira de laberínticos soños. Chiscaballe o ollo á escura gárgola en feitío de monstro estarrecedor. Prisciliano o libertino, o comunal herexe!.
Unha manchea de periecos agardaban no Obradoiro polos reis de Castela. Tíñanse por espartanos, por cidadáns de primeira. Mais naquel contubernio de palio e cadea, de coroa e caxato episcopal non había máis ca ilotas alienados, fóra a conciencia a escorregar polos sumidoiros da cidade de pedra. Escravos sen dereitos políticos, novos periecos ou pericos.
Da esguía Berenguela os sinos ecoaban, danzando xunto aos berros. Enchían as rúas labirinto, periecos de Helo, escravizados por se rebelar contra o poder do Estado militar e inxel. Era, si, noutrora, a pondaliana guerra. O xugo dos aqueos no saqueo dos dorios da Laconia. Lacónicos labregos da Galiza. Lacónicos so da lingua e a terra tripada por Licurgo, o reformador. Licurgo que fixo dos labregos servos de estatais e alleas milicias.
Cada ano, no ritual da Kryteia, os espartanos dábanse a perseguir e exterminar ilotas. Máis cantos máis asoballados había. Era a flaxelación pública anual na praza. A guerra preventiva, disuasoria, a guerra para meter o medo no corpo e evitar a revolta. Eles chamábanse os “iguais”. E iguais eran na tralla!. Así foron medrando os escravos mercadoría. Ata se confundir coa terra, ata ser  da cor da terra, ata ser terra mesma, erma propiedade rural dos espartiatas. Tito Livio chamoulles “castellani”, agreste gens. Mais casteláns resultaron os espartanos chegados coa cruz da espada en cabalo branco do alén infernal.
Ceibo do incienso ritual, Prisciliano porta aínda os longos cabelos da herexía. O cabelo longo do guerreiro insubornabel, do loitador aveso, afeito á firmedume de xeracións galegas de malfadada resistencia. Prisciliano non usaba o amaciador fortificante para cabelos crebadizos con tendencia á queda. Prisciliano non respectaba a autoridade da mitra romana.
Levaba na fronte a estrela, a mesma estrela rosaliana que deron en esmacelar para escarnio do povo ata deixala murcha e rosada. Ecoaba aínda nos relanzos da historia a comunidade libre de homes e mulleres do mosteiro de Carboeiro. A liberdade de pensamento.
A libido noitarega das xuntanzas da lubre. A partilla da riqueza. A lembranza de que denantes do anarquismo xa era o anarquismo. Moito denantes de Bakunin. Denantes do comunismo xa viviran os homes e mulleres en comunas libres.
Moito denantes de Marx. Como se a historia humana non fora máis que un longarelo e caroso camiño que vindo da liberdade, a igualdade e a fraternidade perdida recuaba para avantar cara ela.
Mais logo caeu a noite sen lúa, a escura noite na que arderon as lumieiras inquisitoriais espallando o terror bruxeril pola enteira terra!. A negra caste dos tonsurados, os corvos, os reductores de cabezas, vendéronnos o amaciador fortificante de cabelos en devalo con tendencia á queda. E así foi que quedamos. Agardando un novo sebastiao á portuguesa. Eis Prisciliano!.
Apenas un intre no camiño das estrelas, no leite escintilante e demiurxico do ferreiro alquimista. Sabiamos que ben cedo conquistariamos o sabor doce e ousado que nos roubaran.

O apóstolo Prisciliano e o amaciador fortificante

Te puede interesar