Un relevante congreso

“El azul del mar inunda mis ojos, / el aroma de las flores me envuelve. / Contra las rocas se estrellan mis enojos / y así toda esperanza me devuelve. / Malos tiempos para la lírica, / malos tiempos para la lírica, / malos tiempos para la lírica, / malos tiempos para la lírica”. Así comeza o tema “Malos tiempos para la lírica”, letra é música de Teo Cardalda e Germán Coppini.
Parece que foi onte, máis xa van aló máis de trinta anos, cando o grupo vigués Golpes Bajos editou a súa primeira gravación, o EP que titulou, co mesmo nome da banda, Golpes Bajos. Corría 1983, tempo da chamada movida e a aparición en escena do conxunto liderado por Cardalda e Coppini causou sensación, nomeadamente a citada canción. O título, só o título, que non os versos, que son outra cousa, está tomado dun poema de Bertold Brecht que os que descoñecemos o alemán puidemos ler en España a partir de 1968, cando viu a luz o libro Poemas e cancións, en versión de López Pacheco sobre a tradución de Vicente Romano, na colección “El libro de bolsillo” de Alianza Editorial. Como é sabido, a versión de López Pacheco do poema de don Bertoldo remata con estes fantásticos versos antinazis: “En mí combaten / el entusiasmo por el manzano en flor / y el horror por los discursos del pintor de brocha gorda. / Pero sólo esto último / me impulsa a escribir”. Son versos de 1939, cando o “pintor de brocha gorda” aínda non fora militarmente derrotado. Está claro que as palabras da canción dos Golpes Bajos nada teñen que ver coas de Brecht, mais tamén falan de malos tempos para a lírica. Como tamén o son os dos nosos días de hoxe. Son malos para a lírica, para a cultura toda e para tantas outras cousas moito máis necesarias aínda, as que podemos resumir na falta de pan, traballo e teito. Mais, con malos tempos e todo -e con non poucos esforzos, naturalmente- a Fundación Wenceslao Fernández Flórez -que con gran eficacia preside o catedrático de Comunicación Audiovisual da USC José Luís Castro de Paz- foi quen de organizar e celebrar un máis que interesante congreso internacional so o título de “O home que quixo crear /  literatura, periodismo y cine en la obra de Wenceslao Fernández Flórez”. O fútbol e o Deportivo tamén tiveron o seu espazo, coa presenza do presidente Tino Fernández, de Arsenio Iglesias ou de Ballesta, e a proxección das primeiras gravacións de anacos de partidos que se conservan, algúns minutos, mesmo de antes da guerra civil, comentadas polo xornalista Rubén Ventureira, gran coñecedor da historia do club. O motivo: que Fernández Flórez foi un tempo cronista de fútbol no ABC e nomeado socio de honra do Deportivo en 1943, como acredita un banderín, asinado polos xogadores, que conserva a familia e que se exhibiu nese acto. O cine tivo gran presenza ao longo das sesións, abordado desde diferentes perspectivas, todas elas ben interesantes. Velaí nomes destacados no campos da crítica, ha historia, da investigación ou da dirección e restauración cinematográficas como Julio Pérez Perucha, Jean-Claude Seguin, Juan Esterlich, José Luís Castro, Alejandro Montiel, Hector Paz ou Helena de Llanos, cineasta neta de Fernando Fernán Gómez, moi relacionado, como actor e director, coa obra de Fernández Flórez levada ao cine. Sobre Fernández Flórez e o humorismo galego, unha das principais características da obra do narrador coruñés, pronunciou, así mesmo, unha conferencia o recoñecido xornalista gráfico Siro López. Ben sabido é que Wenceslao Fernández Flórez estivo máis de 50 anos, toda unha vida, vinculado ao diario ABC. Sobre esta relación pronunciou a conferencia inaugural Bieito Rubido, actual director do diario madrileño. Houbo máis, pero teño que rematar. Penso que as xornadas dos pasados xoves e venres falan máis que ben do traballo desta nova angueira da Fundación organizadora e honran tanto o seu nome como a figura do polifacético autor que lle dá nome: Wenceslao Fernández Flórez.
 

Un relevante congreso

Te puede interesar