BAILADELA SEVILLANA

Grazas ao ataque de marianismo que sufriron os asistentes ao cumio neoconservador de Sevilla, o que un sociólogo alemán Ulrich Beck describiría chamándolle a canto nos está poñendo ao bordo do abismo “estado de excepción económico”, non pasa de ser para eles un camiño seguro cara a salvación. Os autores de semellante falacia aproveitan ese tempo de espectáculo e de euforia para desfacer dúbidas e promover entre os delegados un sentimento patriótico, acrítico e ágrafo, que nada ten a ver coa lóxica social e si coa da lealdade ás orixes ideolóxicas e de clase. Para atar máis en curto ese adoutrinamento, e conseguir a neutralización dos que aínda así poideran cuestionar á máis alta dirección, desbrozan unha retórica de campanario, aínda supoñendo un oprobio para cantos sufren a forzosa baixada aos infernos da crise.

Acristianan a teoría do medo e do sufrimento ata facer dela o argumento que con máis radicalidade xustifica unha reforma laboral que queda a un tris de institucionalizar o despido libre. En véndose os traballadores tan ameazados, amedrentados e inseguros xurdirá o milagre. Retomarán o valor do esforzo, virtude que abandonaran porque a desincentivou o reducidísimo risco de despido existente, o que segundo a ministra do ramo incrementará a produtividade e evitará a destrución de emprego, e mesmo a diminución das cifras do paro. Tamén pensan que os traballadores retomarán a virtude da sumisión que, aparte de santificar a quen a practica como predicara Escrivá antes da súa sorprendente subida aos altares, tanto pode enternecer o corazón solidario e patriótico dos empresarios.

Dolores de Cospedal, que ten unha especialísima arte para mentir coa cara de non haber roto nunca un ovo, proclamara de praza en praza que era o PP e non o PSOE o verdadeiro partido dos traballadores. Con éxito. A xente asalariada que entrou nese discurso coñece xa en carne propia as consecuencias. A partir do mesmo 20-N o partido dos traballadores mutou no partido dos empresarios. Sen que por outra parte albisquemos detrás deste inverno do medo un contradiscurso que cando menos nos axude a comprender por que pese ao que aseguran os nobeles de economía, os expertos keynesianos e ata o sentido común, os recortes de antes e de agora e as reformas financeira e laboral que entraron na axenda parlamentaria, siguen orientados exclusivamente polo dogma da austeridade, cada vez máis agresiva e inxusta, e non pola lóxica da incentivación económica, do emprego de calidade e do consumo. Con rotundas afirmacións oficiais que anuncian moitos máis parados, sen ningún plan de choque que cando menos desacelere e conteña esa escalada.

Son, en efecto, unha esixencia de Bruxelas, o FMI e o BCE. Estamos en Europa e hai concordancias ás que nos habemos de adherir. Pero isto non obriga a un goberno como o de Rajoy, tan atado xa polos poderes internos da CEOE e a Igrexa, a esgotar a gobernanza e a xestión da crise nunha cega sumisión a eses poderes. As reformas, por máis que as bailasen en Sevilla, non se saen dese carril. Que é o dos mercados, non o da cidadanía e a democracia.

BAILADELA SEVILLANA

Te puede interesar