O P/A “PRÍNCIPE DE ASTURIAS”

O día 8 de outubro do ano 1979 colocouse na grada da EN Bazán nunha sinxela cerimonia, o primeiro bloque prefabricado do que logo sería o portaavións “Príncipe de Asturias”, o barco máis emblemático da Armada Española durante 25 anos. Este primeiro fito da construción foi a culminación de moitas horas de estudos e cambios do SCS (Sea Control Ship), un anteproxecto da mariña dos EEUU para a construción dunha serie de portaavións que non se levou a cabo.

Durante case tres anos fóronse fabricando e ensamblando novos bloques ata conformar un fermoso barco que ía máis tarde a relevar ao vetusto portaavións “Dédalo”. O día 22 de maio do ano 1982 botouse ao mar nunha cerimonia presidida polos reis de España coa raíña Sofía como madriña. Recordo aquel luminoso día de festa na Bazán e mesmo en Ferrol, con asistencia de miles de persoas ilusionadas. Tamén eu estaba alí coas miñas tres fillas, ¡tempos foron! Comeza aquí co barco a flote a segunda fase da construción, armamento, probas en porto e na mar ata culminar coa súa entrega o día 30 de maio do ano 1988. Dende a súa entrada en servizo foi o buque insignia da nosa Mariña desenvolvendo unha frenética actividade interrompida soamente por breves períodos de tempo precisos para levar a cabo traballos regulamentados de mantemento. Pódese dicir que durante un cuarto de século comandouno todo, exercicios, manobras, representacións, adestramentos..., etc. “Ad utrunque paratus”, como reza unha lenda na escola de submarinos. Logo veu o “Chakri Naruebet”, as Fragatas F-100, as F-310 e o “Juan Carlos I”. Contando dende a construción das Fragatas DEG, medio século construíndo os mellores barcos do mundo nos mellores estaleiros do mundo actualmente abocados ao peche. ¿Vaise “tirar ao caldeiro” toda a experiencia acumulada ao longo de tantos anos? O Goberno, a Armada, Navantia, o Concello de Ferrol e mesmo os ferroláns, temos a palabra. Defendamos o que é o noso patrimonio. Fagámolo por os nosos fillos e por os nosos netos. O “Príncipe de Asturias”, que tamén foi durante 25 anos príncipe dos mares, vai finar, por mor da crise no despezamento, o que chaman agora loxística inversa. Triste final para un dos barcos sobranceiros da Armada Española. “Sic transit gloria mundi!”.

O P/A “PRÍNCIPE DE ASTURIAS”

Te puede interesar