RÍO DAS FORCADAS

Nesta teima de falar dos ríos que pasaron pola miña vida, non pode faltar este rio das Forcadas que é fonte de subministro de auga a Ferrol e a súa bisbarra. Transcorrido tanto tempo, compráceme evocar hoxe aqueles anos 60 do século pasado nos que xunto co meu moi querido pai, adoitabamos ir ás troitas, que era algo máis que ir pescar. Equipados cos nosos aparellos, canas, cestos, merenda e unha bota con viño, colliamos pola mañán cedo, un bus en Ferrol que nos deixaba no centro de Moeche moi dispostos a pasar o día á beira do río.
Dende alí baixabamos camiñando ata o lugar de Balocos onde comezaba a ledicia que significaba a pesca das troitas en compañía daquel home que me quixo tanto e a quen tanto quixen. Percorriamos o río enteiro augas abaixo ata ó empardecer en que dabamos por rematada a xornada pois había que coller o bus de volta prá casa.
Anos máis tarde merquei meu primeiro coche, un Morris Minor do ano 1954, de segunda ou terceira man que tiña unha chapa de case 1mm, o cambio de luces situado a rentes do pé esquerdo e a singularidade de que queimaba máis aceite que gasolina. A pesares de todo isto nunca me deixou tirado e podo dicir que de todos os coches que tiven foi o que máis ilusión me fixo. Dende a mesma beira do rio baixaba eu a Ferrol tan feliz como si fóra nun último modelo, en pouco máis de 15 minutos. ¡Que fermosos e venturosos tempos eran aqueles!
O río está conformado por unha mesta rede de regos con nomes tan eufónicos como enxebres, Fundadoiro, Pereira, Porto, Bañoca, Bardaos, Cego e San Ramón. Pertence ao concello de Valdoviño e ás parroquias de Loira e Vilaboa. Alimenta, como xa se dixo o encoro do mesmo nome que ademais de subministrar auga a Ferrolterra conta cun club náutico onde se imparten cursos de vela lixeira. Trátase en realidade dun regato de corto percorrido, pero moi troiteiro, que é o que lle imprime carácter de río, cunhas troitas de fermosas cores e moi saborosas: Só cun lisco de touciño no bandullo, fritidas con aceite moi quente, e postas en escabeche, ¡exquisitas!

RÍO DAS FORCADAS

Te puede interesar