Concerto de primavera

A primavera chegou con bo pe no que respecta á música; non podemos dicir o mesmo no concernente ó tempo meteorolóxico.  E digo que musicalmente comezou ben porque o pasado xoves tivemos ocasión de escoitar a Orquestra Sinfónica de Galicia nun sensacional concerto e a un extraordinario pianista que deleitou ó público coa súa fascinante interpretación do “Concerto nº 2 para piano” de Prokófiev. Pero imos por partes.
A OSG trouxo un concerto poliédrico, pois abordou tres estilos absolutamente diferentes. Comezou cunha composición do autor catalán Héctor Parra titulada “Lumiéres abyssales-Chroma”, un título que avisaba do que viña detrás: música de vangarda, música que aparece no panorama a  en conceptos de atonalidade con harmonías que en liñas xerais no entran ben nos ouvidos dos que aínda non estamos acostumados ós parámetros afastados do clasicismo ou ó chamado modernismo musical. Trátase dun estilo que require esforzo, que ó principio renxe e descoloca, nunha sensación semellante á que sentimos cando estamos diante dun cadro abstracto. É a antesala da chamada música conceptual liderada hoxe polo compositor John Cage. Haberá que acostumarse. Logo apareceu a tormenta pianística perfecta que incluía a substitución do solista anunciado por outro chamado Nicolai Demidenko que  resultou ser á sorpresa da noite coa súa impecable interpretación do “Concerto para piano nº 2” de Porkófiev. Técnica depurada, forte carácter interpretativo e un virtuosismo levado á máxima expresión foron as súas cartas de presentación.  O piano foi o rei da escena, falando cun ímpeto incrible con frases de escalas interminables que de súpeto pasaban a se cortar con compases sincopados  pendurados dos baixos que a min facíanme recordar ó “modus” jazzístico. Algúns pasaxes da peza poderían ser puro jazz. A orquestra solemne e perfectamente axustada ó discurso do piano, un steinway que debeuse sentir compracido e nalgún momento atafegado polo falar constante nas mans poderosas de Demidenko. Os fortes aplausos e algúns esporádicos bravos obrigaron a saír ó pianista varias veces a saudar e, cousa que non é frecuente, a ofrecer un bis cunha peza que podería titularse: “agora ides ver o que é virtuososimo”. Puro e duro lucimento: fantástico. E logo da tormenta chegou a calma completa: “Sinfonía nº 8 Inacabada” de Schubert. A nostalxia e o sentimento melancólico en estado puro. Din que o compositor, cando a escribiu, xa estaba enfermo pero de non ser así, digo eu, podería estar namorado, porque so se pode compor algo así estando preso dun forte e melancólico estado de ánimo. Unha música para deixarse levar, unha música para viaxar polos máis recónditos currunchos dos sentidos, unha música elevada ás alturas polo compositor e como  non, pola grande orquestra que é a OSG, dirixida por Michail Jurowski  que estivo, como sempre, á altura das circunstancias. Calquera cousa que se diga desta formación non é nova: un orgullo para os que amamos a música e un orgullo para os galegos por tela aquí connosco.  A primavera xa que logo entrou con bo pe polos ouvidos. Mil primaveras máis para a Sociedade Filharmónica  e tamén para a música.

Concerto de primavera

Te puede interesar