Festas dos Maios, consumo ou creación cultural?

veñen de se celebrar os Maios en dous bairros de Ferrol, Canido e Catabois. Certamente, o comercio e a hostelería teñen que fazer negocio co ocio dos máis. O negocio há ser condición necesaria mais non suficiente. Se non recuperamos o sentido das festas chegará o día, non moi lonxano,  en que xa non distingamos o Beltaine do Samain ou as feiras medievais das festas do patrón. As tapas e a bebedela fan parte da cultura mais non pode finar todo aí. 
Fan falla máis creadores e sobran consumidores. Fan falla dinamizadores socioculturais, eses que os concellos non contratan, animadores e pedagogos socias, a fiar no tecido comunitario. Como non se pagan há que botar man do voluntariado e non é doado.
O Beltaine ou festa do lume celébrase desde tempos ancestrais en países celtas como Irlanda, Escocia ou Galiza. O primeiro de maio era o comezo do verao. Para os povos celtas a noite de Beltaine sinalava tambén o comezo da tempada de verao pastoral cando se subía o gando ao pasto das montañas. 
Acendianse fogueiras durante a noite convidando  ao sol a volver quentar e beilando e recreando, ano tras ano, un antergo rito animista. Era o chamado folión das festas, do que nos ilustra o Risco etnógrafo. 
Na Galiza celebravase cunha recollida nocturna nos campos de cultivo con fachos, cuias cinzas esparexían pola terra. Era unha festa agraria de culto á fertilidade tanto dos cultivos como das persoas e tiña un carácter de liberación sexual que a Igrexa estirpou en gran parte coa súa reconversión no mes da Virxe e das primeiras comunions e vodas tan afastadas e contrarias á liberdade dos afectos e á festa comunitaria rural, sen tutela inquisitorial. 
Havía árvores vedraños onde se axuntava a xente. Celebrávase a festa dos rapaces porque eles eran para a comunidade os garantes da continuidade da vida como o era a chuvia e por iso se fazían rogativas con procesión a santuarios. E metianse as imaxes dos santos nos ríos. A Virxe de Chamorro no río da Sardiña, pois.
Por ese culto solar á fertilidade enfeitavase o Rei do Maio, un home ou rapaz cuberto de follatos e flores ao que chaman Maio e sustituído noutros lugares por un artello feita de pau e cuberto de ramallos. Ao igual que havía a Raíña do Maio na Illa de Man. En toda España celebravanse semellantes cerimonias, proibidas por Carlos III, ese borbón que pasou á historia oficial por Ilustrado. Filgueira Valverde supón que as penlas de Redondela puideran ser unha derivación das Maias.
O Maio era também unha figura de home feita de palla que deixavan todo o mes pendurada dunha árvore. Amais, os mozos puñan na casa das mozas o ramo e cando lle querían fazer a burla a algunha, poñíanlle cañotos secos de berzas. 
Os nenos ruavan cantando en Viveiro: Maio, Maio, entra de crego,non revolva-lo tempo curando...Ou en Mondoñedo: Tirensenos as Maias, señor cavaleiro, vale máis a honra que todo o diñeiro. Non demore moito o seu donativo, se non ten maiolas hai noces e figos. O pedir polas portas das casas as maiolas cantando coplas os nenos lembra tambén costumes semellantes do Samain, dos Reis e do Sanxoán. Costume que tece rede comunitaria en intres cruciais do ciclo natural. 
Porque o protagonista da festa dos Maios como das demais festas é a comunidade que se confirma a traverso da alegría na pertenza a un colectivo de veciñanza que reforza a vella identidade de tribo ou clan en cada paróquia que tería de ser a célula comunitaria principal.
Os Maios ritualizan a continuidade da vida. O reto de hoxendía é recuperar a comunidade nestes tempos discontinuos, crebados. Neste sistema social onde o tempo é ouro e ten que se encher de anacos inconexos de presuntas utilidades. Neste sistema non há cabida para a vivencia dos ciclos da natureza. Tal como engordan aos rodaballos de piscifactoría e fan madurecer á forza as froitas e someten á terra a todo tipo de velenos e monocultivos de selvaxe explotación para obter gaños fugaces, así tambèn a neneza é forzada a competir allea aos ritmos naturais e isolandoa do colectivo. A continuidade da sensibilidade, do apego, do coñecemento creba en anacos de horarios, materias escolares...o lecer e o traballo arrèdanse. 
Toda tentación de cooperar mátase ao primeiro gromo coa fumigación do premio e do castigo. O humor e a ledicia desvalorìzanse e o saber da humanidade prostitúese para se ofertar ao mellor proxeneta bursàtil. O plan Bolonia do isolamento do productor-consumista ao servizo do oligopolio global. A escola arredada da natureza e da comunidade e vendida aos mercados transnacionais.
Do berce ao leito e do leito ao cadaleito, non fica rastro de nada enteiro. A discontinuidade é o valor esencial do mercado. Cada vez duran menos os anos, os meses e os días. Abocados a un ritmo frenético de actividades e proxectos inconexos, sen unha relación ou senso global. Lemos fragmentos ou comentarios de livros. 
Artigos curtos como telegramas e nun mundo que vende o crescimento ilimitado nun mundo finito, cando a esperanza de vida aumentou ate case nos fazer nonaxenarios, os concursos literarios encamíñanse aos microrrelatos. Nun mundo que non respecta tempo, espazo nen estacións celebramos os maios, o maior canto á continuidade e a renovación, mentres importamos pragas e inzamos a terra de especies alóctonas. Importamos mazás transoceánicas, nun canto ao despilfarro, mentres deixamos desaparecer as variedades locais. 
Así que eu como Curros, o poeta social, eu tambèn canto: Aí vén o maio de frores cuberto...
 

Festas dos Maios, consumo ou creación cultural?

Te puede interesar