A praia de Caranza

|

Este areal, o único existente na zona urbana da cidade de Ferrol, foi habilitado para o baño hai algúns anos despois do correspondente aporte de area procedente doutras praias do entorno. Ben protexida do vento nordés é utilizada principalmente polos veciños do barrio que, por unhas ou outras razóns, non poden desprazarse aos magníficos areais do litoral ferrolán, adoece hoxe fóra de servizo por mor da contaminación e do vergonzoso emporcallamento integral da outrora fermosa e feraz ría ferrolá.
O sábado 16 recorrina de punta a punta dende a escola de Windsurf na súa parte máis oriental ata a ermida de Santa María de Caranza. Seu estado é lamentable, ratas, lixo, perigosos buratos no chan e por riba un emisor rebentado mesmo ao pé da ermida, vertendo sen parar noxentas augas fecais procedentes do barrio. Este emisor leva moitos anos roto sin que Emafesa, responsable ao parecer da súa reparación, faga nada.
Dende hai cinco anos o baño está prohibido durante a maior parte do vrau por mor da contaminación micro biolóxica co conseguinte prexuízo para unha veciñanza que está máis que farta con esta situación.
Estes días pasados proliferaban na praia, a pé e mesmo en bote, gran cantidade de mariscadores á procura de ameixas coas súas rañoas, un aparello con dentes case infernal, que ao cravarse no fondo do mar, déixao todo levantado e cheo de buratos co perigo que elo significa para os bañistas, sobre todo para os máis novos. Nada máis lonxe da miña intención que amolar a ninguén, todo o meu respecto para os mariscadores, eses homes e mulleres que nestes tempos tan difíciles procuran coas súas rañoas, a falta dun emprego, acadar catro cartos para ir tirando, pero a pregunta é inevitábel: Se a auga non é apta para o baño polo seu alto grado de contaminación, ¿como se pode permitir a recollida de ameixas que, fóra de todo control sanitario ao non pasar por unha depuradora, son vendidas para o consumo humano?.
A Xunta de Galiza, o Concello de Ferrol, as asociacións de Veciños e as confrarías de Pescadores, teñen a responsabilidade e a obriga de poñer tódolos medios ao seu alcance para rexenerar este areal de Caranza e por riba a ría de Ferrol enteira. Ámbalas dúas cousas son tan necesarias como urxentes.

A praia de Caranza