De carros e de bois

Penso que se hai unha cousa na que todo o mundo das nosas contornas socio-culturais está de acordo é na da importancia que nese espazo ten o fútbol. Gústese moito, algo, pouco ou absolutamente nada del, verdadeiramente, é imposible vivir á marxe da súa existencia. Queirámolo ou non. Se entramos nun bar para tomar algo como teña aparello de televisión temos unha altísima posibilidade de que nos chegue calquera noticia relacionada co fútbol. Outro tanto nos vai acontecer se prendemos o aparello na casa ou se imos no carro e conectamos a radio. Se nos achegamos a un quiosco de prensa comprar un xornal ou revista, case con total seguridade que imos bater con calquera publicación deportiva con primeira plana dedicada ao balompé. Se lemos calquera diario que non sexa específico dalgún tema  atoparemos páxinas deportivas con predominio deste xogo de pelota. Temos fútbol por todas as partes, para dar e tomar. E, loxicamente, iso crea moita forofada, cuestión que, cando menos a priori, non está para nada mal. A cousa xa se complica cando entran polo medio descualificacións, violencias... Non ver máis aló da equipa dos nosos amores. Que hai quen quere máis esa equipa que a muller ou o home, os fillos, os pais, os amigos ou o que for. Ata os crentes o seu deus, mesmo contravindo os seus mandamentos.
Sábese dese sentimento de moita xente, por iso nestes momentos de Cataluña marcha, Cataluña queda, referendo si, referendo non... hai quen ata mete polo medio o tema do fútbol, concretamente o do Barça -que é “més que un club”- e a liga na que xogaría se a nación catalá se independizase de España. Escoitamos as recentes declaracións de Javier Tebas, o presidente da Liga de Fútbol Profesional, nas que manifestaba claramente que os clubs cataláns non poderían xogar a liga española e o Barcelona, seguramente, deixaría de ser un dos clubs importantes de Europa. É evidente que esas declaracións non perseguen outro fin que o de tentar atopar aliados contrarios ao proceso soberanista. Se me van tocar o meu Barça... Vaites, vaites. Pode parecer exaxerado, mais non o é. Hai moita xente dubitativa e temerosa. En calquera caso, se a Federación Española expulsase o Barça este podería xogar perfectamente a liga francesa.

De carros e de bois

Te puede interesar