Tres meses, 3 propostas, 3 acordos. Aprobar o PE de Ferrol Vello do PP, aplicar a Inspección Técnica de Edificios sen axudas aos veciños e manter a arbitrariedade na ocupación do espazo público das terrazas que aplicou o PP sinala o continuísmo da política urbanística do novo goberno. Asumir desde o Concello os comedores escolares cando a comunidade educativa sempre exixiu a prestación deste servizo asistencial e educativo por parte da Xunta é o 2º dos acordos entre goberno e PP. Continuar coa política económica da austeridade con modificados de crédito para aumentar o gasto en contratos externos e quitarlle a uns para darlle a outros é a 3ª das similitudes entre os partidos do sistema que o PP non aproba porque non son os seus. Tres acordos en tres meses semellan moitos para un alcalde que presume de cambio de aires. Como se gobernar a cidade fosen unhas vacacións. Mudar as formas para que nada cambie non parece o mellor balance, pero ao final a culpa é do chachachá, galego claro.