ANTES ERA BO, AGORA SON MALO

Na doutrina cristiá pasar do ceo ao inferno é un problema que se soluciona en segundos, no ámbito político acontece o mesmo, pero hai que pagar unha penitencia máis longa e gravosa, que é a de ser foco da crítica, apupos e até lanzamento de ovos ou follas de leituga, que os tempos non están para tirar tomates, a non ser por terras levantinas, poboadas de habitantes políticos moi dados ao dispendio.

Cando acabe esta crise non haberá ninguén no purgatorio nin sequera un grupo de cabezas de turco, o que si haberá será un exército de indixentes máis mortos que vivos, pero algúns terán a sorte de dispoñer dun chalé nunha urbanización con piscina e campo de golf, aínda que non teñan capital para o traxe de baño ou as pelotas de tirar. A ver que lle explica ao consumidor, automobilista ou cidadán xeral que ten que pagar a construción dun aeroporto en Castellón que se vai derruír calquera día? Menos mal que a Xunta touriñesca non seguiu adiante co aeródromo de Lugo, claro que o goberno bipartito era o das maquetas e xa se sabe que un avión de aeromodelismo non é seguro para o transporte.

Conta a lenda que os contratistas de obras, os levantores de grandes edificios realizaban una selección de persoal entre os sospeitosos habituais de cometer furtos nas obras. A idea debe ser tan antiga como o ser humano no mundo ou como un galego pobre. O mesmo acontece no sistema financeiro mundial. No é de estrañar que os dirixentes escollan a aqueles que tiveron algo que ver na causa da recesión para que agora sexan os que teñan que sacarnos da crise. Se dúbida que son os grandes coñecedores de onde se iniciou o problema. O que hai que temer é que non introduzan un cabalo de Troia no sistema para que se active dentro dun tempo, por aquilo de avolver o río para pescar de vez en cando.

Pero os galaicos fomos os primeiros en iniciar este proceso de refundación capitalista e administrativa. Algún que outro concello inmobiliario, que se dedicou no seu día máis a edificar que mellorar a calidade de vida dos veciños, incluíu na súa nómina a especialistas en lindes, servidumes e silveiras para que os leven de novo á ser un municipio punteiro no desenvolvemento urbanístico. O alcalde pensa que é mellor telos en corto, o que vén sendo en nómina, que darlles corda durante catro anos e anden por libre conspirando contra el.

Algúns destes heroes de antigo andan tonteando á xente para que invista o seu diñeiro nuns edificios en Porto Santo. Un dos interesados preguntou en que concello quedaba tal lugar e de cantas habitacións ía dispoñer. O urbanizador sacoulle unha foto do lugar na cal se vían acabados de primeira calidade e isto e aquilo, pero non lle dicía onde quedaba, iso si, facilidades de pago as que quixera. Ante a insistencia do presunto comprador o vendedor comunicoulle que o lugar onde estaba esa ganga de chalé era en Madeira. Aí acabou a historia porque o futuro propietario non tiña interese en edificios de madeira: ou cimento ou nada.

ANTES ERA BO, AGORA SON MALO

Te puede interesar