Ben pois xa están aquí atendendo á emerxencia que o caso require. É normal que unha urxencia se trate con celeridade pero nisto das vacinas hai uns tempos que en boa lóxica deben respectarse e non convén andar con precipitacións.
Ao día de hoxe hai varias vacinas contra o covid-19 en estudo de comercialización entre as cales semella que a dos laboratorios Pfizer vai na cabeza do pelotón malia non estar absolutamente testada a súa eficacia para lograr esa inmunización chamada eufemisticamente de “rebaño”. Ademais son necesarias dúas doses para acadala e débese conservar a -70 ºC en recipientes de ultra frío.
Reparen no eufemismo “rebaño” referíndose aos seres humanos. Un rebaño co que se vai experimentar por mor de ter que se saltar a primeira e segunda fase do proceso ou no mellor dos casos pasalas a presa e correndo, obediente e disciplinado disposto a entrar en razón e a facer cola para recibir o esperado antídoto. E non serei eu o que teña a insensata idea de non confiar nas vacinas, lonxe de min este funesto propósito, pero do que non me fío moito, malia os avances científicos e tecnolóxicos de arestora, é da presa en poñela a circular pois segundo din os entendidos nisto necesítase un período bastante prolongado de tempo para asegurarse da súa eficacia. Nunha emerxencia pódese acelerar o proceso ( é o caso que nos ocupa) o que non aseguraría os resultados desexados.
Temos dúas batallas nesta guerra con partes diarios de baixas e de feridos: a sanitaria contra o virus e a económica na que loitan os laboratorios para ver quen se leva o gato á auga con miles de millóns de euros en xogo ou, o que é o mesmo, quen é o primeiro en poñer o produto na tenda coas suficientes garantías de consumo. Saúde e intereses económicos polo que se ve son dous aspectos difíciles de conciliar e polo que se ve este pulso dual o vai gañando a economía.
Outras vacinas están en proceso: Moderna, Astra (Oxford), a china e tamén a Spunik (rusa) e máis que aparecerán unidas a de Pfizer que semella ser á que apuntan as nosas autoridades sanitarias. Todas teñen presa, claro, porque é moito o que está en xogo.
Por outra banda vaise comezar a vacinar contra o covid-19 ben entrada a campaña de vacinación antigripal da que arestora xa ninguén fala. Imaxino que denantes de programar a data de comezo será necesaria a instalación nos centros de vacinación desas neveiras especiais de ultra frío ¿ non si?. En fin, non vaia a ser que coas presas veña o desorde. Xa veremos.