Nunca acreditei nunha verdadeira Unión Europea e non por ser anti-europeo, senón porque me pareceu pouco sincero o cambio tan radical que se produciu coa entrada de España nesa falsa unidade. Antes, Europa remataba nos Pirineos e agora, somos un apreciado socio europeo e europeísta. Está ben, pero eu como bo galego, digo aquilo de “pensa mal e acertarás”. E velaí que os ingleses tampouco se fían moito e sáense dunha unión que xa non era tal, pois gardaron a súa moeda, e os seus sistemas de pesos e medidas. Eles van ao seu, como sempre fixeron e non lles interesa unirse aos que teñen pouco que dar e moito que recibir, pois coido que a solidariedade non é a súa principal característica. O que non se lles pode negar é a súa intelixencia e como son moi listos, aproveitan as experiencias e os bos consellos como aquel de Peret: “Si al sol no puedes sentarte y en paz tomar una copa, decir que estás en Europa no sirve de ná”. Que grande cantante e filósofo aquel xitano, non si?