DEFINIRSE

Cando nacín, o transporte “público” colectivo terrestre que había na nosa localidade era o tranvía, que, coma hoxe –substituído ha xa hai ben de anos polo autobús– non se cinxía ós límites do concello. Por mar estaban as lanchas á Cabana, A Graña, San Felipe e varios atraques da outra banda. O tranvía ía do porto de Curuxeiras a Neda. O percorrido era idéntico ó actual en dirección á vila dos Esquío, tanto de entrada como de saída. A ruta de entrada en Ferrol houbo que modificala cando o cambio de vehículos. Pola rúa da Igrexa só era posible unha dirección de buses. O resto da cidade estaba desprovista de transporte público. Como de neno e adolescente sempre vivín na zona baixa –primeiro no porto e logo en Magdalena, á altura da praza do Callao– non botei nunca moi en falta un transporte público urbano. Mesmo nos tempos en que fun a unha clase particular na ponte das Cabras, agás cando o tempo estaba moi mal, ía a pé ou en bicicleta. Mais daquela, e xa non digamos na actualidade –con oclusións circulatorias derivadas do abuso do maldito tabaco–, teño matinado infinitas veces no complicado, para todo, que tiña e ten que ser vivir en calquera das rúas que soben a Canido. Por aí nunca houbo máis transporte que as patas, un vehículo particular ou un taxi. E só estou falando do que vén sendo a cidade por excelencia, por lle chamar dalgunha maneira. Esteiro sempre estivo abandonado. Hoxe, malia a súa gran poboación, ten liña de entrada, mais non de saída. Para viaxar a Faxardo hai que ir ó Callao ou á praza de España. E todo por aí.

Da zona que din rural, que é tan Ferrol como a praza de Armas, xa nin falemos. É evidente que o transporte público no noso concello sempre foi un auténtico desastre. E, por riba, caro. De ben neno, nos tempos de aprender a ler, a intentar comprender e a preguntar, chamábame a atención o S.A. que aparecía en nomes que vía. E, ¿como non?, preguntei a meus pais e dixéronme que eran as iniciais de Sociedade Anónima. Pois que ben. ¿E por que anónima? Esta explicación xa non foi tan doada. Aínda hoxe sigo a preguntarme a causa do anonimato. Pois unha das S.A. que eu visualizaba hai case sesenta anos xa era Tranvías del Ferrol S.A. Na adolescencia fun –e sigo sendo– bo amigo de xentes fillas do daquela presidente desta compañía que, como tal, non era anónimo. Era real e tanxible. ¿Mais o resto? Como traballei e residín na Coruña un lote de anos sei que alí hai unha empresa, Tranvías de La Coruña, de similares características. Está fóra de toda dúbida que cobre as necesidades do pobo moitísimo, pero infinitamente, mellor que a súa homóloga ferrolá. Con todo, ten moitas deficiencias para que se poida considerar un servizo público de auténtica calidade. Non sei o rendemento económico que lle tiran os anónimos. Si sei o do seu xerente.

De Ferrol, como estiven tanto tempo fóra, coñezo menos destas interioridades. O que non podemos nunca perder de vista é o que nos venderon. Os monopolios –xa non digamos se eran do Estado, quer dicir, de todos nós– eran cousa mala. O bo era a liberdade de mercado e a libre competencia. ¿Onde está a libre competencia no transporte chamado público? As compañías de tranvías –¿onde van os tranvías?– seguen monopolizando un transporte vital para unha boa parte dos habitantes das nosas cidades e as súas contornas. Se non lles resulta rendible cubrir uns pésimos servizos, máxime cando están moi ben subvencionados con cartos de todos, o que teñen que facer é deixalo. Iso, diariamente, teñen que facer Perfumería Pepe, Mercería Manolita, Calzados Fernández... A anunciada redución de servizos do transporte local merece unha forte resposta do goberno local. Outra alternativa non pode menos que levarnos a pensar en posible conivencia.

 

DEFINIRSE

Te puede interesar