Educar ou evanxelizar

|

Son eu... humano dende o principio. Leo en grandes cartaces onde un embrión campa a carón dun neno xa criadiño. Confundir o ser coa potencia é algo que sempre fixo a Igrexa Católica para manipular as nosas conciencias. Mágoa que os embrións e fetos sexan máis sagros que os nenos xa nacidos.
E agora volven os bispos coa lei Wert, ese wertedoiro de intolerancia e fanatismo recén saído do forno vaticano. Aprobada a lei soltan a tralla: a escola é nosa, din, hai que evanxelizar!. Tamén na conquista de América, os españois en México e Perú adoitaban bautizar aos nenos indios e logo estouparlles os miolos para se aseguraren que ían dereitiños ao ceo. A alma ficaba inmortal, nonsi?.
Como pedagoga sei que evanxelizar é o contrario de educar. Disteran na palabra prohibida para o Poder escravizador: liberdade. Educar ten lugar nun espazo de respecto polo outro para que poida medrar no proceso de liberación e asunción de responsabilidade. Evanxelizar ten lugar, pola contra, nun espazo de sumisión a un dogma xa estabrecido pola autoridade. Na educación dáse unha comunicación horizontal, onde o mestre é guía, fornecedor de recursos e aguillón de estímulos críticos. Na evanxelización dáse unha comunicación wertical, onde o mestre é o banqueiro do dogma, o represor das vivencias persoais, o fiscal da fe obrigada. Os educandos son suxeitos libres en permanente formación aberta. Os evanxelizados son obexectos sumisos en permanente wertedoiro pechado, enchidos de mandamentos impostos. Coa evanxelización os nenos aprenden a abusar do poder por ter sofrido eles o abuso. Aprenden a impoñer a súa moral como a única. Aprenden a usar a violencia, a retórica falsa, a represión emocional... a ser intolerantes cos outros, a formar parte dun fato cunha obediencia cega a un pastor. Coa educación os nenos aprenden a non abusar nunca dunha situación de poder e desigualdade. A respectar a diferencia como un valor. A dubidar dos principios propios e non impoñelos aos demais. Aprenden a usar a palabra veraz, a comparar, probar, razonar obxectivamente as causas e consecuencias dos propios actos. A liberar as emocións. A tolerar ao disidente. A non delatar ao compañeiro. A tomar decisións fóra do fato. A non se deixar presionar polo grupo, senón pola propia conciencia moral, sen voto de obediencia a ningún autoritarismo. A non terse por propietario da Verdade. Un ser educado é un rebelde, no sentido enxebre da verba. Un ser evanxelizado será sempre un borrego, unha ovelliña disposta a se arrimar ao sol que máis quenta, egoísta, acrítico e amoral. Un súbdito, nunca un cidadán! Isto é o que pretende a Lei Wert, recén enfornada no Vaticano. Contra ela debemos erguernos os laicos, e aqueles critiáns que aínda teñan liberdade de pensamento.
Por unha escola única, pública e laica. Porque a laicicidade é a única que respecta a conciencia dos seres libres, cerne dun mundo sen violencia. O Estado ten a obriga de defender a conciencia dos nenos da manipulación das igrexas e incluso das propias familias. Igual que un Estado non pode consentir a ablación das nenas polos propios pais, tampouco pode permitir a ablación dos miolos pola curia! A separación da Igrexa do Estado foi o que abriu as portas da Modernidade. O que mantivo a raia ao fanatismo, aos integrismos e ás guerras de relixión. O laicismo foi a orixe dos dereitos humanos, fronte á presencia excluínte e autoritaria dunha igrexa cobizosa e insaciabel. Unha igrexa que, sen o menor pudor, viola as conciencias puras dos nenos e inocula o medo e a culpa como guía moral. Sen esquecer esa actitude sadomasoquista e ese desprezo ao corpo e ao pracer vital. Esa concepción enfermiza do sexo que teñen os xudeocristiáns que tantas vidas estragou e estraga e da que tanto saben os diváns do psiquiatra. Fronte a evanxelización: educación laica! Fronte á necrofilia católica, a biofilia laica!

 

Educar ou evanxelizar