O camiño inglés e o ano santo 2021. O turista esixe, o peregrino agradece

|

ara aqueles que levamos moitos anos percorrendo os Camiños de Santiago e escribindo sobre o seu notable Patrimonio Histórico e Cultural, cremos que o mellor cartel de publicidade do Camiño é “un peregrino coa súa mochila” e a mellor definición do mesmo é a coñecida frase “o turista esixe, o peregrino agradece”.
Os camiños de peregrinación a Santiago (Francés, Portugués, Vía da Prata, Primitivo, Norte, Inglés), transítanse cada vez máis por diferentes razóns relixiosas, culturais e de lecer, contribuíndo ao arrequecemento dos mesmos. As Rutas Atlánticas, orixinadas no Medievo arredor dos portos da Coruña e Ferrol, utilizáronse polos peregrinos dos países británicos e escandinavos. Tiveron certo pulo nos séculos XV e XVI, coa auxe da navegación de altura e as relacións comerciais no Atlántico Norte. Trala Reforma decaeron, deixando de peregrinar a Compostela os pobos de relixión protestante. 
De tódalas rutas xacobeas, o Camiño Inglés é o único que percorre unha única provincia, o que significa unha vantaxe funcional para o seu desenvolvemento. Ademais, o tramo da Ruta que comeza en Ferrol supera os cen quilómetros, polo que se pode conseguir a “Compostela”ou Credencial da viaxe, cousa que teoricamente non é posible desde A Coruña. 
 Na facareña estrutura municipal de Cultura, Turismo e Patrimonio semella non haber responsables de poñer en valor este Camiño. Nin esta corporación, nin as anteriores foron quen de fornecer aos peregrinos ese demandado Albergue, como teñen moitas localidades do Camiño. Soamente algunhas asociacións de veciños traballan e aportan ideas de interese.
 Moitos concellos son exemplo da posta en valor da ruta, mentres Ferrol amosa o seu deixamento cara ao camiño xacobeo. Ante o crecente desleixo de Ferrol Vello, o Camiño debe seguir pola rúa Espíritu Santo. Os barrios da Magdalena e Esteiro non dispoñen da axeitada sinalización e indicación dos lugares de interese. Tampouco está ben indicado o camiño polo paseo marítimo do barrio de Caranza. Cumpre mellorar o itinerario no deturpado polígono comercial da Gándara, levando a ruta pola beira da ría. 
 Ante o próximo Ano Santo 2021, son milleiros os peregrinos que están a chegar a Ferrol. Non obstante, as asociacións culturais da cidade amosan un escaso interese polo Camiño. Os establecementos de hostalería, que sairían moi beneficiados, non son quen de interesar aos peregrinos. Outrosí, as librerías e establecementos de Ferrol tampouco mostran atraentes escaparates de publicacións e recordos do Camiño. 
Tanto a Universidade de Ferrol ( ? qué foi de “Aulas no Camiño” ? ) como a Xunta de Galicia teñen esquecida a Ruta Atlántica, o peor tratado entre tódolos Camiños Xacobeos. Ámbalas dúas entidades, xunto co Concello, deberían considerar a celebración en Ferrol, coincidindo co Ano Santo 2021, dun Congreso sobre o Camiño Inglés e a correspondente Ruta Marítima, continuando os traballos do Congreso sobre as Rutas Atlánticas, celebrado en Ferrol en setembro de 1996. 
Outro día habería que falar dese necesario porto de embarcacións deportivas do que carece Ferrol e que ningunha entidade cidadá, sexa oficial ou particular, é capaz de crear nunha cidade marítima cun porto a unha ría tan axeitados para a navegación.
O que nunca debe repetirse é a mala práctica da torpe Deputación Provincial da Coruña que no seu intre foi incapaz darlle un pulo ao Camiño Inglés, ao non presentar en Ferrol unha publicación sobre o Camiño Inglés, editada pola propia Deputación o ano 2014, obra feita coa colaboración de varios escritores ferroláns.
 P.S. Cumpre lembrar que este Ano Santo sería o mellor momento para que a “Cantiga do Camiño Estelar”, obra do profesor ferrolán Pérez de Arévalo, estreada o ano 1975 polo orfeón A Terra Nosa, se convertese no Himno do Camiño Inglés. 
jburgoa@hotmail.com

O camiño inglés e o ano santo 2021. O turista esixe, o peregrino agradece