A corrupción está aí

|

No medio de este desencanto social no que estamos metidos, resulta difícil encontrar azos para esquecer a decepción que nos produciu e nos está a producir especialmente a clase política corrupta. Porque ademais, moitos dos sospeitosos están aínda libres e continúan exercendo como cargos públicos. Os partidos políticos sabendo que os cidadáns están a perder a confianza neles, néganse e recoñecer os feitos. Uns por outros e a casa sen varrer. Certo que o teñen complicado debido a que, quen máis quen menos, todos están tocados, e ninguén quere selo primeiro en confesar o inconfesable, cando a sociedade está de volta de todo o que pasa. 
O exemplo témolo en Cataluña con Mas, empeñado en tapar ese tres por cento de diñeiro non limpo co que veñen financiando o soño de chegar a ser un estado independente, amparado polo sofisma do dereito á autodeterminación. Como se os cataláns foran os donos do mundo e non dependesen de ninguén para tomar esta decisión. Como se non houbese que conxugalos dereitos propios cos dereitos dos demais. Nas vindeiras eleccións, as candidaturas deberían aparecer medianamente limpas e con persoas responsables e conscientes, dispostas a servir aos cidadáns. É dicir, con candidatos que vivan de cerca a realidade e os problemas do País. Aos votantes correspóndelles estar atentos, xa dende agora, senón despois será tarde e volveranse a repetir os erros anteriores. A corrección co propósito de emenda é aceptable sempre e cando resulte crible á unha cidadanía escarmentada de tantas promesas sen cumprir. Pero dos partidos pouco se pode esperar porque son máquinas enferruxadas. 
Nesta situación, alguén terá que dar un paso adiante xa que continuar como estamos resultaría suicida. Pero, abramos os ollos e miremos adiante sabendo que o cambio está aí diante de nos, caladiño, sen facer ruído nin alarde de triunfo; e parece que ven con propósito de quedarse. E todo obedece ao milagre, poucas veces visto, de que a sociedade vaia por diante dos políticos, como está pasando agora. Aproveitémola, non como espectadores, senón como participantes, para conseguir que esta onda que chega sen facer alarde de poder e penetrando nas bases da sociedade, medre. Esta realidade comprobouse nestas pasadas municipais. 

A corrupción está aí