Hai un par de días ía no auto conversando, mais co son dun programa radiofónico da tarde de fondo, cando me pareceu ouvir o nome de Baccara. Non sei se lembrarán aquel dúo de bailarinas que conseguiran un tremendo éxito coa súa primeira gravación “Yes Sir, I Can Boogie”, coa que acadaran nada menos! que o primeiro posto nas listas británicas, algo nunca antes conseguido por españois. Gañaron sona cos seus elegantes vestidos coas cores predilectas da Op Art e diñeiro cos varios millóns de singles vendidos antes de se separar comezando os oitenta Prestei atención e, efectivamente, estraban entrevistando a unha das compoñentes daquel dúo a conto dunha gravación que van lanzar nestes próximos días. Como é sabido, as Baccara cantaban en inglés, malia que unha delas confesou que cando comezaran non tiña nin idea dese idioma. Antonte, perante a miña estupefacción, esta mesma intérprete manifestaba que as cousas foron para atrás, porque agora en Noruega hai que cantar en noruegués. Que ben, non?