O recoñecemento do acordo

se falamos de programación, todo remite á informática; se temos ilusión parece que andamos no eido da esperanza; se pensamos no esforzo, dá medo, dá medo do que hai que facer para concluír ou achegarse ao remate do labor ben feito, e se buscamos a oportunidade, non a atopamos. É unha verdadeira pesadume pensar na oportunidade que non chega. E se chega, preséntase sen máis, sen explicacións e sen avisos. É como unha ocasión, como unha posibilidade de agarrar o ceo coas mans. Eu mesmo son feliz pensando na oportunidade de que vostede é lector desta Tía Manuela. Moitas grazas.
Pero citamos tres palabras. Perdón!, foron catro: programación, ilusión, esforzo e oportunidade. O coñecemento das catro  é conveniente para orientar o camiñar do presente, se queremos avanzar cara adiante. Ese presente que xa se foi cando vostede comezou a lectura deste artigo e que cambiou substancialmente no período de duración da mesma. 
Nos tempos novos, se falamos de programación, parece que todo está unicamente no entorno informático, nos bordes da enxeñaría telemática, nos sistemas de computacións, nos fíos da intelixencia artificial. Pero non, non é así, a pesar de que os ordenadores sexan capaces de escoitarnos e interpretar o cavilar de cadaquén, non poderán chorar coma nós, nin aloumiñar como nos gusta aloumiñar a nós. Programar, deseñar, suscitar  metas, establecer rutinas, compromisos e manter a palabra está moi ben, é parte da filosofía da sociedade vindeira, como o foi da sociedade que se murcha e que se marcha caladamente.
Se non hai ilusión, non hai obxectivos e, por tanto, non hai esforzo. De habelo, sería inútil, “sería traballar para o inglés”, como reza nese dito procedente de Cuba e tan afincado na memoria da xente que o coñece por experiencia programada. Volvendo ao caso, todo é importante e todo debe ser coñecido, pero o máis importante, para a tranquilidade persoal e para a de todos, é o uso do sentido común. 
Ás catro palabra enumeradas, cómpre engadir outras dúas, compromiso e igualdade. A Tía Manuela entende que non hai futuro se a sociedade non promove e acada o compromiso de evitar as desigualdades entre os seus, se non chegamos pronto a establecer un sistema que evite a discreción dos que mandan e que os obrigue ao recoñecemento do acordo.

O recoñecemento do acordo

Te puede interesar