Finanzas e loita contra a desigualdade

A mediados deste mes a directora xeral do Fundo Monetario Internacional (FMI), a búlgara Kristalina Georgieva interviu no Paterson Institute na cidade de Washington (USA). Nas súas declaracións manifestou preocupación polo medre da desigualdade, o que leva a pensar que algo está a mudar nesta institución, que historicamente salientou pola imposición de medidas económicas favorábeis aos poderosos. Se fose así implicaría unha mudanza de 360 graos respecto da súa antecesora, a francesa Christine Lagarde, hoxe presidenta do Banco Central Europeo. 

Georgieva puxo como exemplo que esta tendencia tamén se dá na maior parte dos países que integran a OCDE, ou sexa, os máis ricos do mundo. Suma a esta eiva a emerxencia climática, as tensións militares en Medio Oriente, a confrontación comercial, e destaca que “esta nova década está marcada polo medre da incerteza”. Entre estas estarían a garantía da paz, a normalidade comercial, e que as políticas públicas dos gobernos “podan facer fronte ás frustracións e crecente axitación en moitos países”. Entende que a situación á “negativa para a confianza empresarial, o investimento e o crecemento”, ou sexa: “a desigualdade excesiva atranca o crecemento e carcome os alicerces dun país”.

A directora do FMI salienta que os gobernos poden aplicar políticas fiscais para loitar contra a desigualdade, e engade ao sector financeiro nesta tarefa, que pasaría por ofrecer produtos máis accesíbeis, estabilidade e abaratar prezos. En poucas palabras, reduciríase todo a unha maior eficiencia, utilizando as novas tecnolóxicas e mellorando a información sobre produtos e servizos. Afirma, que alí onde hai un sistema financeiro forte existe unha menor desigualdade. Agora ben, esta relación non dependerá do grao de compromiso da banca cos proxectos empresariais e sociais en cada país? E, neste intre: o sector financeiro non estará máis atento aos ingresos especulativos, ou ao custe dos servizos, que ao investimento produtivo? 

Georgieva define correctamente o momento, as incertezas, tamén os temores á revolta popular, que se está a alargar a máis países. Porén do esgotamento do capitalismo, da necesidade de reconstruír o mundo sobre bases máis xustas, sustentábeis e igualitarias, ren nos di. A alternativa cínguese a acadar unha maior eficiencia e mellor relación, cando o problema é esencialmente estrutural. A renegociación da Arxentina da débeda co FMI reflectirá claramente se os cambios van para alén das boas palabras; sabendo que non os decide unha soa persoa.

Finanzas e loita contra a desigualdade

Te puede interesar