RÉDITOS DO PASADO

|

Segundo os datos do INE, no relativo á renda por persoa para o ano 2013, o noso país ten un diferencial negativo de 8,4% con respecto á media do Estado español. Dirase que este é un bo dato, e que amosa que nas últimas décadas as cousas foron ben para Galiza.
Mais, estas avaliacións ignoran que o achegamento faise a costa dunha regresión demográfica, especialmente do mundo rural, ao que non se lle ofreceron e ofrecen máis saídas que a emigración. Polo que o medre da renda por persoa é consecuencia sobre todo dunha economía agarrotada, que bota fóra da casa a unha parte da poboación e deste xeito mellora a renda media por persoa e ten unha taxa de desemprego menor.
Mais, en contrapartida, Galiza esta eivada pola carga das pensións e a falta de mocidade. Xa non semellan tan positivos os datos ¿verdade?
Asemade, cando se ollan as cifras choca a diferenza de renda entre o País Vasco, 29.959 euros/persoa para o ano 2013, e Madrid, 28.915, por unha banda, e a renda galega polo outro lado, xa que a deles é rente dun 45% máis alta que a nosa, que era de 20.399 euros/persoa ese mesmo ano.
É unha diferenza moi grande, o que amosa que as estatísticas cómpre analizalas polo miúdo xa que poden agochar máis miolo do que a simple vista parece.
No caso vasco dirase que unha renda tan alta é por mor da súa especialización industrial e pesqueira. Algo que é certo. Porén, no caso de Madrid, non atopo máis argumentos que o de ser a capital do Estado; ou sexa: o enorme aparello administrativo, a centralización das comunicacións, e ser a sede da maior parte das empresas privadas, mesmo daquelas que teñen as súas fábricas noutras nacionalidades e autonomías.
Non é estraño que o Goberno central non queira sentir falar de soberanía ou competencias  blindadas para as nacións da periferia, xa que afectaría de cheo aos alicerces sobre os que se constrúe esa pirámide de economía e poder desigual que tanto favorece ao centro.
En resumo, como se trate o tema catalán amosará ate que punto o Estado español é democrático e escoita a voz dos pobos, ou se quere manter a toda costa as prebendas de pasadas conquistas.

RÉDITOS DO PASADO