PUÑOS ERGUIDOS NO PARLAMENTO

Por se alguén tiña dúbidas de que o protagonismo político-social xa hai moito tempo que fica na rúa, as inmensas mobilizacións en once cidades e vilas galegas durante a folga xeral do 14-N fixeron aínda máis patente esta realidade. Por outra banda, no ámbito político partidario, o aumento da abstención e o voto en branco nas pasadas eleccións autonómicas amosaron con estrema crueza o correcto desta caracterización do estado de ánimo da xente, xa que indicou a desconfianza en delegar a representación, ao se considerar defraudados por aqueles dirixentes políticos polos que votaron anteriormente.

Neste contexto, a constitución do Parlamento galego deixou unha fotografía que reflicte que este afastamento entre a rúa e as institucións mantense, xa que só seis deputados de esquerda ergueron o puño cando se cantou o himno nacional galego, catro mulleres e dous homes. Só é un feito simbólico, porén as formas teñen moita importancia, máxime cando o puño erguido simboliza comprender a conxuntura, coa loita de clases ardendo polos catro cantos e o noxo das maiorías empobrecidas e golpeadas a flor de pel.

Tendo en consideración as declaracións do BNG e AGE todo indica que esta vai ser unha lexislatura na que non se farán concesións protocolarias, xa que estas organizacións realizarán grandes esforzos por representar a voz da protesta social. Agora ben, aínda sendo así, a maioría absoluta do PP non deixa moito espazo para a argumentación. Por esta mesma razón, a pretensión de conseguir que o Parlamento sexa unha caixa de resonancia das reivindicacións das clases populares tampouco dará moito de si, a menos que os deputados e deputadas da oposición dean prioridade absoluta á vinculación coa protesta social sobre a actividade burocrática da institución.

Os puños erguidos no Parlamento galego son un sinal de achegamento á rúa. O tempo dirá se farán o propio no futuro todos e todas os deputados de esquerda presentes. Lembremos que, tanto os contidos como as formas reflicten a coherencia política, e cando non é así algo falla.

PUÑOS ERGUIDOS NO PARLAMENTO

Te puede interesar