Fatum

Sempre me impresionou este anaco do “Fado tropical” -para min unha das máis fermosas cancións das que compuxeron en parcería Chico Buarque e Ruy Guerra- que na primeira gravación recita o creador mozambicano-brasileiro:

“Sabe, no fundo eu sou um sentimental. Todos nós herdamos no sangue lusitano uma boa dosagem de lirismo (além da sífilis, é claro).
Mesmo quando as minhas mãos estão ocupadas em torturar, esganar, trucidar, meu coração fecha os olhos e sinceramente chora...”
“Fado tropical” apareceu en 1973, formando parte, xunto con outros 10 temas, de Calabar - O Elogio da Traição, o LP que contiña as pezas musicais da obra teatral do mesmo título –tamén da autoría de Buarque-Guerra– preparada para estrear nese mesmo ano. Mais, é sabido que a censura imposta pola ditadura militar –iniciada co golpe de Estado de 1964– prohibiu –sen que se coñezan ben os motivos, dado que o informe non os aclara– a posta en escena da obra, feito que, como non, tamén afectou aos temas musicais. 

O disco orixinal, Calabar, foi retirado para ser substituído por outro, titulado Chico canta, que contiña os mesmos temas, ora ben, con significativas modificacións en varios deles:  desde a obrigada conversión en pezas instrumentais, pola censura de todo o texto, a letras alteradas ou con longos ou breves silencios de frases ou palabras, como acontece en “Fado tropical”. Concretamente, a palabra “sífilis”, do anaco que reproducín liñas arriba, está borrada na gravación de 1973, e, consecuentemente, nas remasterizacións posteriores. Non así na gravación feita por Chico Buarque, con recitado do fadista Carlos do Carmo, realizada para Fados (2007), o filme de Carlos Saura, cunha maxistral interpretación de Júlio Pereira na mandolina, que, entendo, non se debe pasar por alto.

E ese termo, “sífilis”, prohibido pola ditatorial censura militar brasileira é o que motivou estas liñas.

Na letra desta súa canción –un auténtico poema–, Chico Buarque e Ruy Guerra deixan claro que os brasileiros herdaron do sangue portugués tanto unha boa dose de lirismo como a sífilis. A cousa parece que debeu ser así, que algúns dos navegantes portugueses que, nos inicios do s. XVI, entraron en contacto coas poboacións indíxenas padecían a enfermidade producida pola bacteria Treponema pallidum e llela contaxiaron. Mais aínda hoxe non hai certeza de quen foron os primeiros transmisores. Tanto é así que a sífilis foi coñecida como enfermidade ou mal americano, canadense, escocés, francés, xermánico, napolitano, polaco, turco, dos cristiáns... dependendo, é obvio, de onde soprase o vento. Sábese, iso si, que o habitual medio de transmisión son as relacións sexuais e que se combate ben con antibióticos, e aínda así non se deu acabado con ela. De feito, o número de persoas infectadas no mundo supera os 40 millóns.

Diante destes problemas sanitarios o importante é atallalos e o de menos andar buscando culpables.

Fatum

Te puede interesar