O cinismo desa Europa

|

Unha vez máis conságrase o comisario da Competencia da UE, Joaquín Almunia. Agora, co asunto do dique flotante. Que si, que xa o sabemos. Que o dique flotante non é a panacea para Navantia. Pero si un aliciente máis para incentivar unha miga o sector naval, neste caso no segmento das reparacións. Porque, até onde sabemos, as promesas dos floteis para Pemex, dormen non se sabe onde. E, entre tanto, o enésimo machadazo sobre a imposibilidade de que o Estado financie a construción do tal dique flotante, debido ao veto existente por parte de Europa. E de novo ás voltas co “tax lease” roldando como unha malfadada sombra.
Disque as bonificacións permitidas pola UE –non é certo que non poidan existir– non poden superar o 15%. Non sabemos cal é a cantidade que recibe, poñamos por caso, un sector tan deficitario como o das minas de carbón, pois tal axuda estaa a recibir en España. Mais non é menos certo tamén o doutros sectores, tal é o caso do agrícola, tanto o dedicado á produción extensiva de trigo como ao da oliveira. O caso é que hai só un ano sabiamos a resolución do contencioso con respecto ao “tax lease” aos estaleiros que a UE aplicaría ao Estado español: a devolución de case 3.000 millóns de euros das operacións verificadas de axuda á construción naval desde 2005 até 2011. O curioso do asunto é que Francia –antano en similares circunstancias– fora condonada no seu día. Segundo os termos da resolución ditada pola UE, dita condonación baseárase no principio da confianza lexítima e seguranza xurídica. España, polo que parece, carece da tal confianza e xa non digamos a respecto da falta de seguranza xurídica.
A ninguén lle pode pasar desapercibido que o holding de empresas da construción naval dos Países Baixos promoveron en 2011 a denuncia contra o Estado español por culpa do “tax lease”. Os neerlandeses, por certo, incentivan con bonificacións a construción naval nos seus estaleiros. A política europea común, aquela que debe velar polos intereses conxuntos dos agora 28 estados da UE, brilla pola súa ausencia. Entrementres os grandes beneficiarios da construción naval son uns (neerlandeses, alemáns...), outros morren de morte matada, xa for por ausencia de políticas serias que procuren carga de traballo, xa for por trécolas legalistas que imposibilitan calquera asomo de mínima recuperación transitoria que veña aliviar a penuria económica. E en Ferrol, en particular, sabemos ben disto, sometido a estes cíclicos vaivéns conxunturais desde tempos inmemoriais.
É ben claro que o novo “limes” imperial, agora dos estados ricos da UE, márcase entre a Europa do norte, países xermánicos e escandinavos sobre todo, e a Europa do sur, mediterráneos e novos adheridos, maiormente desta zona meridional. Un “limes” imaxinario, pero unha liña divisoria certa e definida á fin e ao cabo, cando menos psicoloxicamente asentada na mente dos seus cidadáns.
Así pois, salta á vista o incomodo que existe, á parte de no noso propio país, nese Portugal asfixiado e agarrado polo mesmísimo pescozo que, con aparencias de querer levantar unha miga a cabeza, áchase agora mesmo coa quebra dun dos seus buques insignia bancarios, o banco Espírito Santo. Nin que dicir ten como se ha de estar a vivir a situación actual en Grecia. País do que, por certo, días atrás voltabamos: un periplo polas illas do Exeo, Creta, Cícladas e Dodecaneso. De seguro que, neste paraíso do turismo, cun drama significativamente distinto ao que se poida vivir na Grecia continental, Atenas e Tesalónica principalmente.  
A Europa do norte, alemáns e escandinavos sobre todo, acoden a este edén terreal de sol, praias, sazonado con algo de cultura e prezos asequíbeis aos seus petos (escandalosos para os naturais, aínda que non menos para nós mesmos). As valoracións dadas a este propósito por algunhas persoas do lugar, taxistas neste caso, semelláronnos bastante elocuentes. Soldos medios de 600 euros nas illas e con combustíbeis máis caros que en España. (Por falarmos de pequenos e gráficos aspectos do día a día.) Unha certa sorna e resentimento asomaba das palabras vertidas por estes gregos insulares do sector do taxi, observadores privilexiados desde o seu posto de traballo dun tránsito vacacional acaso tan diverso. Atenuados comentarios, pensamos, pois non han de morder a man de quen lles dá de comer, en comparanza se cadra cos daqueloutros compatriotas que nada teñen que ver co sector turístico. Percibíase, porén, o orgullo ferido de quen debe pregarse aos que son posuidores do vil metal de que tanto necesitan.
Traxedia grega ou non, onte coñeciamos como un lugués de 51 anos morría logo de se queimar ao bonzo. Desempregado, cunha muller paralítica e sen domicilio fixo (exixido para  percibir a pensión de 300 euros), durmían nunha furgoneta. É esta a Europa que queremos? Aconséllolles lean http://www.jotdown.es/2014/08/ferrol-camino-de-detroit/, unha catarse máis, talvez necesaria, neste intricado e pernicioso labirinto en que nos metemos.   

 

O cinismo desa Europa