Quizais o título desta “mirada” poda despistar, pero creo que podo explicalo. O caso é que a Orquestra Sinfónica de Galicia ofreceunos un marabilloso concerto en cuxo programa estaba a sinfonía “Heroica” de Beethoven o que así, per se, daba ao concerto un atractivo especial. Nesta ocasión a OSG viña dirixida por Rafael Payaré, un mozo de 34 anos saído da factoría de talentos chamada “Sistema” con sede en Venezuela. E aquí esta o quid do asunto: a heroicidade do Sistema, unha obra social e cultural do estado venezolano, un modelo pedagóxico e artístico que acadou relevancia no mundo enteiro sendo este quizais o programa de responsabilidade social de maior impacto na historia de Venezuela. Nenos e nenas estudando en coros e participando en orquestras como instrumento de organización social e desenrolo humanístico recuperando aos nenos dunha vida as veces valeira e desorientada. Que pouco se fala disto e canto do populismo bolivariano! Pero isto deixámolo para outro día para centrármonos hoxe na música. Sen desmerecer ao resto do programa, creo que a xente acudiu masivamente ao Auditorio á chamada da “Heroica”, unha excelsa sinfonía que Beethoven, segundo din, dedicou a Napoleón movido polo suposto humanismo e nos ideais da Revolución, pero cando este se autocoronou emperador todos eses ideais viñéronse abaixo e o nome de Bonaparte quedou borrado da obra figurando na dedicatoria ...para a lembranza dun gran hombre (podería ser calquera gran home) A sinfonía é unha obra mestra e patentiza a enorme capacidade creativa do autor, tanto que é difícil entender como pode xurdir da mente humana tal aluvión de notas que van caendo cal enorme fervenza sobre os instrumentos para logo xurdir deles en acordes e escalas dunha viveza incrible producindo unha sensación de perfecto cromatismo e gran plenitude harmónica. Resulta ser unha sinfonía de longa duración –certamente raro– pero non semella longa, incluso un agradecería que durara máis para seguir mergullado nese mar de sensacións. Se a todo isto engadimos a perfecta e solvente interpretación da orquestra nos atopamos cun momento de música perfecto. Non resulta nada doado competir coa Heroica nun concerto que abriu a música de Sibelius coa sinfonía dun movemento A filla de Pohjola: un bo aperitivo para o que viña despois, o Concerto para violoncello de Elgar, un concerto que se podería encadrar no contemplativo e elexíaco e que curiosamente non acadou moita sona na súa estrea e si un tempo despois grazas a aparición do gramófono e as posibilidades que este daba para a difusión da música gravada. Nalgúns pasaxes desta peza aparecen certos toques de melancolía con cadencias que suxiren escenas de romanticismo tardío. O primeiro cello gravado foi o de Beatrice Harrison en 1920 e a partires de aí o concerto acadou aceptación masiva. Algúns críticos trataron á obra de Elgar como simplista sen reparar en que moitas veces a grandeza está precisamente na simplicidade. No noso concerto o solista foi Jea-Guihen Queyras que amosou dotes de consumado instrumentista e forte carácter interpretativo que o público agradeceu obrigando ao intérprete a saír a saudar tres veces. En resumo, foi un concerto cun programa completo como os que soe ofrecer a OSG da que non me cansarei de repetir que é un orgullo para os galegos e galegas que gozan, que gozamos, coa música. E grazas tamén, unha vez máis, á Sociedade Filharmónica Ferrolana polo seu acerto na programación destes concertos que colocan á cidade na primeira liña en canto a actividades deste tipo.