Alegroume o día a noticia de que Jeremy Corbyn conseguise vencer nas eleccións para liderar o Partido Laborista británico. Non porque crea nesa organización nin porque albergue esperanzas de que, nun futuro inmediato, vaia propiciar cambios radicais na política do Reino Unido. Mais, visto o que había desde hai ben anos, un cambio de líder, pode traer certa frescura a esa política e ó conxunto da política europea. Non sería mala cousa. É un novo líder, mais non un líder novo, nin en anos -é máis vello ca min- nin en experiencia política. Algo ten que moverse no laborismo para que fose proclamado vencedor en primeira volta e con preto do 60% dos votos, máis dun cuarto de millón. De feito, o primeiro que manifestou é que as cousas cambiarán, porque poden cambiar, e que o seu compromiso é combater os niveis de desigualdade social existentes na Gran Bretaña. Reitero, máis unha vez, o meu escepticismo, pero hoxe non podo menos que darlle unha pequena satisfacción ó meu corpo político. E oxalá me equivoque moito. Escoitei a noticia na radio do coche pola mañá, cando fun ó mercado. Logo volvina escoitar no telexornal do mediodía e fíxome graza o comentario do presentador, cando dixo que defendía un programa similar ó de Podemos. Cun amplo sorriso non puiden preguntarme outra cousa que cal programa de Podemos? O das europeas? O das autonómicas andaluzas? O de xuntar as cousas que din hoxe dun xeito e mañá doutro? Porque programa, programa, a verdade é que nunca ningún vin. Hai algún tempo vía e escoitaba a militantes desa organización en programas da noite dos sábados. Mais o fastío de non escoitar nada relevante levoume a dedicar ese tempo a cousas máis gratificantes, como o cine, a música ou a lectura. Non sei, pois, se nestes últimos meses cambiaron o discurso e din cousas substanciais, sen caer no tópico de utilizar as mesmas simples descualificacións do contrario que fan de sempre os partidos gobernantes. Iso do “itumasismo”. “Y tú más”. Porque nalgunhas historias xa andan metidos nesa dinámica. Non vou abondar no caso Tania Sánchez -o de votar subvencións municipais a unha empresa cooperativa dun irmán- todo o legal que se queira pero que eticamente fede a quilómetros. Agora está o do Concello de Madrid e o pai dunha das voces máis relevantes de Podemos: dona Rita Maestre. Porque son funcionario desde hai máis de trinta anos, sei que o nivel máximo do funcionariado é o 30, só reservado para os altos cargos. O resto dos e das mortais, no mellor dos casos podemos acadar o nivel 29, ó que, como Catedrático de Universidade, accedín en 1993. Mais antes tiven que cursar uns estudos de licenciatura de cinco anos, realizar unha tese de licenciatura, uns cursos de doutoramento, un tese de doutoramento, opositar a Profesor Titular (nivel 27) e... o que vostedes lle queiran engadir. Pois ben, o señor Maestre, don Luis, funcionario no concello de Madrid, onde dona Rita é concelleira e nada menos que portavoz e coordinadora da “Junta de Gobierno y Relaciones con el Pleno”. Oportunamente, xa se fixo saber que o Concello de Madrid non prohibe o nomeamento de familiares dos concelleiros para cargos de persoal directivo, algo que, modestamente, entendo que vén de gobernos con políticas non moi claras e que habería que suprimir dun plumazo cando se predica transparencia e rexeneración.
E non esquezamos que o señor Maestre -que , se cadra, pode ser un crac e/ou un funcionario exemplar- é pai de concelleira, e, consecuentemente, non parece moi ético -sempre a ética- que o bo do señor vaia pasar a ter un nivel 30, que, como acabamos de ver, non é ningunha broma. Por se non fose pouco, a concelleira asegurou que non fixo intermediación directa, o que implica que debeu facela indirecta, xa que doutro xeito o adxectivo cualificativo sobra. En fin. Terá tamén Mr. Corbyn fregados desta índole?