EUROPA

Poisque os que nos veñen de meter, con embude, a reforma laboral leonina que apenas se comezou camiño teñen mala conciencia (ou fan que a teñen), andan a botar man de coartadas que a xustifiquen. Porque resulta pavero, por non empregar adxectivos moito máis fortes, que esteamos a ciar na historia, recortando dereitos aos traballadores, abaratando despidos, outorgando aos empresarios a posibilidade de reducir “motu proprio” soldos, mudando o chamado estado de benestar en algo que nos leva aos tempos da Revolución Industrial, tan ben contada por Dickens (non o perdan, aproveitando que estamos no bicentenario do seu nacemento, isto si como pretexto auténtico).

Porque o de Europa (“facemos isto para igualarnos cos países europeus”, din estes días políticos e empresarios) é milonga ou –directamente– trangallada. Poisque o que non din os “próceres” é que a Europa de verdade próspera paga soldos moi diferentes aos nosos e ofrece condicións de traballo superiores. Por non mentar eses países que, máis raposos, ou non entraron na comunidade ou pasaron da moeda común.

No interín os nosos demagogos e patróns a ceibar un discurso como aquel de Antonio Ozores. Cando, lembrarán, dicía algo así como: “Canfurnias palotrocas malusa colingo tachoso”, para rematar cun moi sonoro: “¡Europa!”. Ai Europa, miñaxoia, a facerlle como antecipo do que nos agarda un “grego” á pobre Grecia, nai da democracia, esa entelequia.

EUROPA

Te puede interesar