Dende o 1 de xaneiro serán efectivas novas medidas sobre os depósitos bancarios, por decisión da Unión Europea. En caso de quebra da entidade bancaria, seguirá vixente o acordo polo que se garanten ate 100.000 euros dos cartos aforrados nun banco resgatado, por medio do Sistema Europeo de Garantía de Depósitos. Neste aspecto non hai ningunha novidade. Mais si cando se supere esta contía, por entidade e persoa, porque se lles tratará como se fosen accionistas. É unha medida que favorece os bancos, xa que elimina a súa débeda cos aforradores, facéndoos partícipes das decisións erradas tomadas pola dirección destas empresas, mais non dos beneficios que se podan obter na xestión da entidade (como acontece cos directivos e accionistas).
É un trato discriminatorio cos depositantes. Todo amosa que se pretende obrigalos a entrar na ruleta da Bolsa, especialmente se temos en conta que esta decisión súmase a aposta pola flexibilidade cuantitativa. O Banco Central Europeo está entregando cartos a esgalla aos bancos privados, a xuros practicamente nulos, alentando unha espiral que provoca que estes paguen polos depósitos dos aforradores xuros ridículos e mesmo negativos. Outra consecuencia da flexibilidade cuantitativa é que o euro perde valor en relación ao dólar e outras moedas. Asemade, provoca unha redistribución da renda, en beneficio exclusivo da banca e do xogo especulativo na Bolsa, xa que as corporacións e grandes fortunas son as que contan con información abondo, en moitos casos privilexiada, da evolución bolseira e dos valores que nela se cotizan. Non é casual o medre da fenda social.
Chama a atención que poucos analistas fixeran comentarios sobre este tema, que esmaga o esforzo laboral das persoas e desalenta o aforro, afectando negativamente os pensionistas (máxime cando as pensións perden valor acotío, e existen todo tipo de inseguridades sobre o seu futuro). Tamén prexudica os sectores con capacidade de aforro e ingresos medios. Semella que se quere empurrar as clases populares, mesmo aqueles que foron quen de aforrar algo, a vivir na anguria. Hai quen coida que isto é a modernidade. Estamos aviados.