Tiran a dar. Deixaron de usar munición de fogueo nesta pandemia, e ven unha oportunidade para acadar nos despachos o que non gañaron nas eleccións. Fai tempo que notamos o campo embarrado, as decisións arbitrarias, e as continuas faltas ao límite do regulamento. Ás veces son presentadores que insultan a científicos, ou símbolos que de repente asoman nunhas cantas solapas de comunicadorxs, ou frases que empezan a repetirse en medios e redes.
Despois a lexión de tertulianos que falan orquestradamente, e con cinismo, dende as súas poltronas coma se foran cátedras ou púlpitos. Empezan a falar de loitos oficiais e falla de sensibilidade ou de respecto. Intentan comparar pandemias, con aqueles atentados terroristas que os conservadores non souberon xestionar. Non importa a moralidade das medidas ou a credibilidade das fontes empregadas.
Tampouco se é certo ou non o que din, iso para algúns é o de menos. Aplican o de que a verdade é a primeira baixa en calquera guerra. Pero a pandemia non é unha cuestión ideolóxica, aínda que priorizar a saúde e non a economía si que o é. Primeiro foron os bulos, despois as manipulacións, as contas de correo falsas e agora xa directamente as mentiras do calibre que sexan. Sempre hai personaxes na política que supeditan calquera realidade a que eles poidan chegar ao poder. Dálles igual derrubar o prestixio dun pais. Non lles importa votar no Parlamento europeo contra os intereses de España. Viven nunha realidade paralela e nunca moverán un dedo na defensa de todxs. Buscan, unicamente, acabar co goberno. A crise, a pandemia, o confinamento, as medidas sanitarias, a dor de tanta xente, son mera coincidencia.
Cando as palabras sentidas se ausentan –dixo El– increméntanse as distancias nos baleiros, e medran as memorias melancólicas de rios e de dias, que compartían bordes de sentidos. Acaso tralas portas, queda máis lonxe a vida...