Os semáforos están para regular o tránsito rodado, para que nun cruzamento de estradas se incorporen un coche a unha vía e saian outros. Iso parece correcto, pero o que non está ben é que moitos estean operativos sen razón ningunha en vías e horas nas que a circulación é reducida.
Un que se ve obrigado a andar pola noite polas estradas sofre os impedimentos de tal circunstancia. Xeralmente son dous. A saber, os controis da Guardia Civil e os semáforo. Os axentes do corpo armado organizan os controis en horas nocturnas, non se sabe se á caza e captura de superadores da taxa de alcoholemia, infractores do límite de velocidade ou simplemente cumprindo obxectivos de operatividade. Quen subscribe é asiduo deles, até o punto de departir amigablemente mentres son obxecto de minuciosos rexistros, que por certo non son o mellor para unha revisión polo miúdo do interior do automóbil. En certa ocasión descubríronme unhas moedas de a euro que estaban ocultas entre os asentos, alfombras ou recantos.