Os abaixo asinantes... así comeza unha misiva dirixida ao Rei ( Capitán Xeral dos Exércitos) que é como se encabezan as maiorías das misivas, asinada por 73 militares xubilados que, semella obvio, pretendían con ela involucrar ao monarca. Resulta que un dos asinantes desa preocupante carta é un tal Francisco Beca ( exxeral de División) que nun grupo de whatsapp non tivo reparo algún en manifestar que, para poñer orde, habería que fusilar a 26 millóns de españois “fillos de puta”. Fusilar a 26 millón de españois coma se non fose suficiente os que xa fusilaran( asasinaran) outrora e cuxos corpos contabilizados en milleiros aínda están perdidos polas cunetas do noso país seguindo a praxes de que os inimigos, os ideolóxicos tamén, mellor mortos. Aplicar o terror o mesmo que os grupos terroristas ¿é iso o que perseguen estes exmilitares? Outrora o deles tamén foi terrorismo sistemático e desapiadado, abofé : outros ao seu lado :¡ irmandiñas da caridade!
Octavio Paz chegou a dicir que chegou a haber unha vez o culto a un pai terrible, adorado e temido, representado por Stalin, Hitler, Mussolini e mesmo Franco onde aquel que se movía non volvía a saír na foto. Por outra banda moitos anos atrás o filósofo inglés Thomas Hobbes manifestaba: “xa que a condición humana é a de loitar todos contra todos ¿estaríamos dispostos a ceder parte da nosa liberdade a unha autoridade soberana capaz de asegurar a paz?” Logo o libre pensador contradise dicindo que <ser súbdito é miserable>. Abofé. Agora afortunadamente vivimos en democracia e a inmensa maioría dos membros das FF.AA. en activo apostan pola súa defensa. E eu estou con esta última acepción.
¿O manifestado desexo de fusilar a 26 millón de españois entra dentro do concepto de liberdade de expresión? ¿Benefíciase este militar dunha liberdade que outrora eles tiñan conculcada? ¿Lembran a sentenza condenatoria a Pablo Rivadulla, un rapero, por chamar canalla e borracho ao Rei Juan Carlos I? ¿É a liberdade, incluída á de expresión, igual para todos?
Quizá todo isto non teña máis importancia da que se lle queira dar: é cuestión de opinións pero convén deixar claro que xa está chovendo sobre mollado en ballóns miserables e indecentes lixando a unha democracia que tanto custou acadar. É moi preocupante comprobar como un grupo de militares de alta gradación estaban nas FF.AA. mantendo ideais canallas inspirados naqueles Mola ou Queipo de Llano abandeirados do terror coma remedio.