A estupidez

Estou relendo un libro que outrora me recomendara a miña filla cuxo autor é Carlo M. Cipolla titulado “Allegro ma non Tropo”. Visto así podería  facérmonos crer que se trata dun libro sobre música, pero non: trátase, en clave de humor ( porque as cousas serias tamén se poden dicir en clave de humor intelixente), sobre as leis fundamentais da estupidez humana. Resumindo: que por aí hai máis estúpidos dos que podemos sospeitar. Na súa introdución Cipolla fai unha ponderada reflexión do que é o humorismo co gallo de poñérmonos en garda diante do que imos ler. Temos que distinguir o humorismo zafo, vulgar, o chamado chiste, do auténtico humorismo. Definir o humorismo e case imposible (o meu amigo Siro sabe moito disto). Quizais poderíamos dicir que é a capacidade intelixente de poñer en releve o aspecto cómico da realidade, por dicir algo. E Cipolla introdúcenos con humor intelixente na realidade da estupidez dicindo que moitas das tribulacións que padecemos os seres humanos están provocadas por un grupo moi numeroso que consigue actuar en perfecta sintonía para amolarnos ben sen que eles o saiban: se trata dos estúpidos que se distinguen moi ben doutro grupo que son os malvados, aqueles que tratan de prosperar, sacar beneficio privando aos demais da prosperidade. O  número de estúpidos é proporcional en todas as clases sociais, incluídos os premios Novel e mesmo entre os países desenrolados e dos aínda por desenrolar: hai estúpidos en todos os sitios e na mesma proporción. Un estúpido coa súa acción pode causar incluso un prexuízo para si. Cando alguén realiza unha acción  na que ambas partes obteñen un beneficio atopámonos diante dunha persoa intelixente e polo contrario ninguén sabe explicar porque alguén nos provoca frustracións e dificultades sen que vaia a gañar nada con ilo. Xa, si, só hai unha explicación: estamos diante da estulticia dun estúpido.
Lendo  “Allegro ma non Tropo” non puiden deixar de facer as miñas propias reflexións respecto dos malvados, intelixentes e estúpidos que atopamos ao noso derredor e incluso pensei, como non, si eu sería un estúpido. Por exemplo: un goberno constituído por xente que só procura prosperar a conta dos demais provocando un prexuízo á maioría, estaría composto por malvados segundo a clasificación que fai Cipolla, o mesmo que os banqueiros sen escrúpulos, os corruptos e corruptores, os prevaricadores, etc. Eu neste grupo non atopo a aqueles que chamaríamos intelixentes, todo o máis a algún “listillo” malévolo. E agora ben a nai do cordeiro: todos os que votan a trapalleiros, a ladróns de guante branco, a quen conculca os nosos dereitos fundamentais, aos que recortan os nosos salarios, aos que rematan coa Sanidade e o Ensino público, aos que poñen en perigo as pensións, en suma a quen nos prexudica poñendo freo a nosa prosperidade, en que grupo os situamos? Se somos conscientes que votando a quen votamos non imos a gañar nada con ilo senón todo o contrario  pois sen dúbida estaríamos dentro do numeroso grupo dos estúpidos, dos miñaxoias  que non reparan nas consecuencias das súas accións irreflexivas. O mesmo aparecen outros subgrupos aos que vostedes poden elixir calquera cualificativo. Todo isto dos malvados, intelixentes, incautos e estúpidos o trata Carlo M.Cipolla con ese humor intelixente que o caracteriza en “Allegro ma non Tropo” lido dun tirón moi pracenteiro. Abofé.
 

A estupidez

Te puede interesar