CIS locuta, causa incerta

Na tradición das expresións metafóricas de éxito, unha construción latina ocupa lugar destacado para sinalar a existencia dun nivel autoridade que exerce un poder irrefutábel capaz poñen fin a calquera discusión, aínda sendo razoable. “Roma locuta, causa finita” é caso paradigmático que se torna nun “causa incerta” para avaliar a certeza real nos datos do estudio de opinión electoral que vén de presentar o Centro de Investigacións Sociolóxicas, institución soportada totalmente con recursos públicos, aventurando a futura composición do Congreso das e dos Deputados; e, deste xeito, influír no marco da propia campaña das Eleccións Xerais que comeza a súa andaina.
O traballo de campo do CIS está formado por preto a dezaoito mil enquisas presenciais, nunha execución tecnicamente ben estratificada tomando datos das diferentes comunidades, e dentro destas dos concellos a súa vez divididos nas seccións que amosan unha inferencia que permite chegar aleatoriamente ao individuo final. É dicir, os datos primarios aseguran unha mostra con moi baixo erro; en consecuencia, un alto nivel de confianza e probabilidade. Sen embargo, os datos recolléronse entre o 4 e 22 de maio, tardando tres semanas en dar a coñecer publicamente un estudio que non precisa de moito traballo de redacción para súa difusión. Non é casual, non.
Velaí o traballo de cociña que sempre leva unha parte de cálculo enigmático, e polo tanto pouco críbel na certeza dos datos achegados. A proporción entre a intención de voto declarado polas persoas, máis simpatía, e do voto estimado que ofrecen os datos técnicos é un verdadeiro misterio que debe formar parte da habilidade visionaria do responsábel de tan meritoria estimación. Non é de estrañar a diferenza que adoita producirse entre as previsións anunciadas na súa comparación co resultado real da xornada electoral. Por momentos semella que se ten feito uso dunha bola de cristal, á moda das adiviñas do futuro, para tirar as conclusións. 
Certo é que, para alén dos titulares de prensa orientados que buscan os responsábeis do Centro, e logran provocar, a radiografía xeral é a correcta. No detalle fino da adxudicación de escanos é onde pode fracasar a previsión anunciada, como sempre resulta ser. Non se cuestiona a repetición dun mapa de representatividade moi semellante ao dos pasados comicios, efecto “sorpasso” colateral aparte. Aínda así, fican por diante días de campaña que serán determinantes na motivación para unha cidadanía que ten a última palabra. É a dona do seu voto. 
 

CIS locuta, causa incerta

Te puede interesar