Carnaval, Carnaval!

Abre portas e ventanas ao amor
facendo del apoloxía,
refuxo de ternura e paz
entre cacharelas de sentimentos.


Acotío penso no impensable, soño no insoñable, agardo o imposible. Impensable. Insoñable. Imposible! Así nesta meditación afogante que faime tremer corpo e alma, con febre, suores e calafrío teño fe en que pronto aconteza esa xuntaza tan desexada. Ogallá fora hoxe. Agora mesmo.
Sei, máis ben desexo saber, que o noso desencontro, non desamor afortunadamente, chegará ao cénit abrasador e silente nun reencontro calculado, segredo e presentido. Nada hai impensable, insoñable, imposible.
Posiblemente, suxetos pola cintura saudaremos atardeceres inesquecibles e gañarémoslle a batalla ao desapego, cando menos á inimizade, dándonos unha aperta…
“España tiene españoles y eso es una cosa preocupante”. (Fin de la cita). Inxeniosa frase de don Mariano Rajoy, presidente e no seu tempo libre indiscutible filósofo.
Neste momento España está a vivir un colapso social inconcibible. Sen dúbida, goberno e pobo están divorciados. Será que o goberno esqueceu que a política é a arte de traballar polo ben común. Non polo das elites, ese capitalismo financieiro especulativo e sen faciana concreta que fai xirar o mundo para onde lles peta. Para onde eles teñen o salón comedor. (vox populi).
España semella ser un país cobaia, no que os mercados, a gran banca, as voraces quenllas das finanzas internacionales están experimentando en nós para comprobar a resistencia, que sen lugar a dúbidas é moita. Neste momento o paro é un drama personal e unha traxedia nacional. Teñen idea de reducilo por medio de emprendedores, palabra máxica que cada vez que a pronuncian cailles a baballa ata os xionllos. Catro ou cinco millóns de emprendedores daríannos un respiro, din.
O malo é que os friten rebozados con permisos e impostos, e de cada cen resisten malamente un par. Amais se non hai empleo e os que o teñen cobran salarios miserentos, a quen venden?
Falan de globalización, sen antes falar de igualdade, solidariedade e dignidade. Xa o dixo José Saramago: “A globalización é a expresión do capitalismo na súa forma máis totalitaria”, e moitos millóns de cidadáns do mundo pensamos igual que el sobre o tema.
Globalizar para mellor explotarnos. Ternos máis controlados, e a poder ser deixarnos fóra de combate e ao seu dispor. E seguimos levando golpes baixos e a traizón dende todas partes. Reiterativos e de moita intensidade. E nós, submisas cobaias agardamos unha picada tras doutra, e aínda que con ganas de adentar a quen nos pica, agardamos ata que xa cos dentes gastados, na vez de mancar facemos cóxegas.
Despois de tantos días de chuvia, de que os ríos de ceo quedaran sen pranto e cos beizos secos, agárdote amor, alí onde o abalo das mareas lagarteiras humidece punzantes e ergueitas xuncas do ribeiral. (Onde sempre). E sae a lúa, e ti non ves chorima do meu xardín. Desexo apaixoadamente oír da túa boca, unha vez máis, aquela doce expresión: Amor, nin ti nin eu somos pedras.
E falan, presumen, deléitanse coa “marca España”, como se fora a saída á crise, sen decatárense que é algo ( calquera cousa) baleiro de contigo, mentres non cambiemos a táctica e a técnica de facer política honesta, nesta feira de vaidades e corruptelas.Mentres sigamos gobernados por políticos débiles ao largo e ancho desta terra de comedias que fan chorar, na que día tras día atopamos actores torpes e canallas.
Unha “marca España” baleira de contido, mentres o 1% dos españois teñen máis poder adquisitivo que todo o resto. Mentres a xustiza sexa inxusta, cun poder xudicial controlado e manipulado dende o poder político. Aínda que don Juan Carlos (Rey) dixera que, “la Justicia es igual para todos”. Érache boa, vendo acotío o que vemos!!
Baleira de contido, mentres anden ceibos tantos caras lavadas. Mentres teñamos tanta xente desempregada, tantos recortes, tantos comedores sociais ateigados por persoas moi necesitadas, tantos milleiros de persoas que teñen que buscar a nai que os pariu en lares foráneos, porque a súa propia, nin lles dá de mamar, nin os recoñece como fillos.
Baleiro de contido mentres teñamos mala reputación no eido internacional, gañada a pulso nos derradeiros anos. Mentres os rexedores políticos sigan todo o ano baixo as caroutras do Antroido. Saiban, que queremos vivir nun país responsable e serio, con políticos intelixentes e honestos. No noso. Será moito pedir…? Hoxe lamento e choro no baleiro dos soños a túa ausencia. Matino nas tenras horas, cando volvas tinxido o cabelo de branco. Sei que os nosos bicos terán sabor a cereixas maduras.

Carnaval, Carnaval!

Te puede interesar