Xa andamos pola Xl edición do Premio Xosé Couso á Liberdade de Prensa; deus como pasa o tempo!, e como tódolos anos o Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia coa colaboración nos orzamentos da Caixa, preparan un ano máis a celebración do evento o próximo día 26 no teatro Jofre onde vaise entregar o galardón ó xornalista catalán Jordi Évole que foi elixido polos votos dos socios do Club de Prensa e dos xornalistas pertencentes ó Colexio, diante doutras candidaturas que atesouraban tamén méritos suficientes para alzarse co premio. Nisto dos premios concedidos por votación nunca chove a gusto de todos, pois sempre haberá opinións que leven á decisión de premiar por outros rumbos diferentes aos que levaron ao gañador a ser depositario de tal recoñecemento. Isto é unha elección, e en todas as eleccións sempre pasa o mesmo. As candidaturas foron presentadas no seu momento por calquera membro do Club de Prensa e do Colexio de Xornalistas e votadas posteriormente polos compoñentes de ambas as dúas asociacións nun proceso limpo e democrático. Así pois Jordi Évole constituíuse nun merecido e digno gañador que agradeceu sinceramente o seu nomeamento e dixo sentirse orgulloso de ser premiado nun certame que leva o nome de Xosé Couso. Algúns seguro que poden poñer en cuestión os méritos contraídos por este comuñicador para ser galardoado co premio Xosé Couso deste ano e tratarán de comparalo con outros que poderían estar en mellores condicións de ser premiados. Pode que así sexa, pero creo que o premio está ben outorgado, que Jordi Évole é merecente deste recoñecemento porque dende que se dedica a isto de informar dende un canle de TV, o fixo sempre camiñando ao fío da navalla abordando temas que podían ser controvertidos, amosando publicamente denuncias contra aqueles que conculcan a dignidade, a ética etc, e poñendo na picota aos corruptos e malversadores que pululan a súas anchas polo solo patrio. Jordi Évole é un xornalista incómodo para certos sectores da sociedade que ven no exercicio da liberdade de prensa un inimigo ao que hai que silenciar e que se ven arriba cando abrangue temas que teñen que ver coa defensa dos sectores menos favorecidos. Este home sufriu ameazas cando publicou aquela reportaxe sobre os abusos dun superior a unha muller profesional das forzas armadas, un tema que era imposible de sacar á luz hai nada, un caso que noutro tempo non moi remoto conviña tapar, como outros tantos casos de malversación de fondos públicos ou que tiñan que ver coas malas praxes de políticos sen escrúpulos. Jordi Évole é consciente de que moitas veces navega contra o vento, pero el quere seguir marcando a súa axenda dicindo e denunciando cousas, cousas das que moita xente sospeitaba pero das que non tiñan certeza. Co seu programa “Salvados” abriu moitos ollos á crúa realidade e por iso é merecente de levarse o Xl Premio Xosé Couso da Liberdade de Prensa. O día 26 vai ser recibido en recepción no Concello da cidade e logo nun acto público no teatro Jofre recibirá o trofeo que é reprodución do monumento “As Ceibes” do afamado escultor Manuel Patinha diante dun público que sen dúbida agradecerá ao xornalista o seu traballo a prol do exercicio dun xornalismo veraz e en liberdade, nun exercicio no que sen dúbida hai presións e no que o propio xornalista se impón as súas limitacións. Xornalistas así son necesarios.