Hai algúns días, os técnicos do Fondo Monetario Internacional, aparecían nos xornais ditando uns consellos para os gobernantes do noso país, pedindo prudencia ante os anuncios de subida de impostos e afirmando que os próximos orzamentos deberían ter un paquete de medidas cribles. Dicían que era esencial fortalecer a resistencia da economía, relanzar o axuste fiscal estrutural, preservar o espírito das reformas do mercado de traballo, reconstruír os colchóns fiscais que quedaron esgotados pola crise e manter o ritmo de axuste anual ata alcanzar o equilibrio fiscal. Advertían que, os aumentos do salario mínimo interprofesional, poñerían en perigo as oportunidades de emprego. Ou sexa, unha lección de economía, imprescindible para que, os que non entendemos nada, sigamos sen entender. Recomendan pagarlles o traslado aos parados para que vaian traballar a outro sitio, pero de que paguen máis os máis ricos, nada. Estes do FMI son uns fenómenos¡ Que ben o amañan todo, non si?