Constitución e Transición

Desde a primeira constitución de 1812 chamada popularmente “La Pepa”  tivemos sete máis que foron transcorrendo no tempo cos seus máis e seus menos . A última , a de 1978, é a que marca aquí e agora as regras de convivencia neste sistema democrático no que nos desenvolvemos. Coa Constitución  como pano de fondo ven de celebrarse o XXI Curso de Verán “Carlos Gurméndez” de Pensamento e Comunicación” cun éxito rotundo baseado na erudición dos relatores e a masiva asistencia dun público interesado nun tema que aínda hoxe provoca certa controversia no fondo e na forma. Vivimos nun réxime democrático de monarquía parlamentaria e algúns dirán que monarquía e democrácia non casan ben por seren dous conceptos antagónicos. Que un xefe de estado sexa instituído por herdanza non soa moi democrático que digamos aínda que algúns países europeos se movan en rexias democracias parlamentarias e a cousa funcione. No noso caso o avalista da monarquía foi o dictador que de demócrata tiña ben pouco. Pero ben estivo que se redactara unha nova constitución que trazara un sendeiro de convivencia, que fora deixando atrás ao franquismo e por aí vamos camiñando durante corenta anos. Despois deste tempo o mesmo conviría darlle unha revisión a este edificio que nos abeira e reforzar algunhas vigas que comezan a podrecer. Podémolo facer máis consistente para seguir tirando. A Transición tamén che foi ben complicada. Para algúns foi un modelo, para outros modélica e para os rupturistas un fiasco pero aí está tratando de poñer paz entre as partes. É necesario que así sexa e eu son dos que cren que hai que tratar de apaciguar os ánimos. Os responsables directos da contenda fratricida están xa todos mortos e só a história poderá xulgalos pero sería bo, como parece ser o propósito, limpar todos aqueles expedientes e causas que levaron a tanta xente diante do pelotón de fusilamento e devolverlles a honra as victimas, sería bo no manter neste país fundacións cuxo “leitmotiv” sexa exhaltar a figura e a obra do dictador, sería bo anular as condecoracións a policias torturadores outorgadas para premiar  a súa “eficacia” laboral, sería bo limpar pouco a pouco todo ese  aire aínda contaminado que nos impide respirar con normalidade. Non é tarefa fácil, pero é posible. Aínda quedan cousas por facer para achegármonos á unha plena convivencia en paz. É preciso esforzarse no empeño. A Constitución non é intocable e nalgún aspecto pódese mellorar. Poñámonos mans á obra. 

Constitución e Transición

Te puede interesar