O motorista fantasma

|

Cada vez que se produce un incendio de grandes dimensións, con miles de ferrados afectados e co lume ás portas das casas aparecen as explicacións sobre a súa orixe que cada vez se superan en graza. A última é a dun motorista “sen casco” fuxindo en Ribeira, que se cadra escapaba da Guardia Civil por non levar cobertura cranial, ou das lapas ou simplemente non quería que se soubese que estaba cometendo adulterio nunha leira próxima e que o fume motivou o seu escape e non lle deu tempo a cubrirse a cabeza.
A Xunta enche o peito dicindo que centos de incendiarios foron detidos cada ano, claro que eses pirómanos é xente que queimaba restrollos na súa horta sen o permiso pertinente, e non piden a autorización por dous motivos: por non estar unha hora ao teléfono e por non ter acceso a internet, aínda que o máis normal é que se suspendese a visita semanal á casa do Concello onde solicitar a licenza. Este si que foi unha grande medida, sobre todo porque se utilizaba o día para ir ao médico.
Imaxinemos o incendio de Ribeira e ao seu autor a cabalo dunha moto de escasa cilindrada e sen casco, lanzando cócteles molotov. Parece unha imaxe antiga, de cando os galaicos aforraban para comprar unha Derbi Antorcha ou unha Mobylette e acudían nela ao traballo cun cigarro na boca e o noso pirómano mecanizado fuxía nela da Sanglas guiada por un experto garda civil. O certo é que vén ser como se Galicia fose a menos, cando os nosos queimadores de montes empregaban avionetas e lanzaban desde o ar artefactos paracaidistas con iniciadores de lumes. Habería que recuperar a imaxe do conselleiro Romay con aquel xoguete, do que nunca máis se soubo.
Ovnis, paracaidistas, manifestantes, enmascarados e agora motoristas fantasmas son algúns dos causantes das maiores vagas de incendios de Galicia, segundo nos aclararon as autoridades competentes, ás que habería que sumar o impacto de meteoritos das Perseidas, algún aloucado seguidor da Vuelta ou o lanzamento de cabichas desde a estación espacial internacional. Calquera explicación é boa mentres non sexa a máis razoable, que é a da imprudencia cidadá que sempre aparece os días de sol e vento.
Non lles queda máis remedio que andar con ollo aos propietarios de motocicletas de baixa cilindrada, porque agora son sospeitosos de piromanía, o próximos serán o paseantes de cans ou os camiñantes afeccionados ou calquera que pase por alí en actitude comprometida. Chegarán os días nos que haxa que enviar á Xunta a nosa axenda para quedar controlados un pouco máis e non faltarán voluntarios que o fagan.

O motorista fantasma