Abondando en nomes

A semana pasada comentaba o caso dos pais aos que, no Rexistro Civil de Fuenlabrada, lles impedían inscribir o seu fillo como Lobo e quixen ilustralo cunha historia semellante que me ocorreu a min mesmo no Rexistro de Ferrol hai case corenta anos. A principal razón esgrimida polos organismos oficiais para xustificar a negativa a poñerlle aos rapaces os nomes que os pais queriamos era, en ambos os casos, que os nomes por nós escollidos eran apelidos. O que non sabían é que unha boa chea de apelidos proceden de nomes propios, son, simplemente, nomes propios, nalgúns casos coa forma tal cal e noutros con leves modificacións por engadir un sufixo ou por precedelo da preposición de. Ambas as modificacións en realidade teñen a mesma finalidade, indicar procedencia de. Juanes e de Juan indican a procedencia dalguén chamado Juan. Mais tamén existe como apelido sen modificación de ningún tipo. E como neste caso de Juan existen todos os casos que se nos ocorran de repente e outros tantos e máis que incluso dubidabamos de si existirían ou non. Fagan a proba visitando a páxina de internet www.ine.es/daco/daco42/nombyapel/nombyapel.htm, na que o Instituto Nacional de Estadística ten introducidos os datos dos nomes e apelidos das persoas censadas en España. Achamos cousas curiosas e a súa consulta adoita ser divertida. A min, cando menos, resúltame. Acabo de buscar en dúas provincias galegas -Ourense e Pontevedra- e nelas atopei como apelidos Fernando, Bernardo, Luis e Lois, José, Manuel, Felipe... Como tamén Lopo, Lobo e Lope.
Coñecemos ao poeta Lois Pereiro, mais tamén sabemos do poeta e xornalista decimonónico Roxelio Lois. E temos vellos amigos de Ferrolterra como César Pita ou César Bedoya que teñen como nome propio o que no expresidente do Deportivo Augusto César Lendoiro é apelido. E cousa curiosa: os fillos deste teñen tamén un segundo apelido que é nome propio: Augusto César Marcos. Vellos amigos de Ferrol son, así mesmo, Bernardo Lorenzo Cuétara e Lourenzo/Lorenzo Fernández Prieto ou Rodrigo Ramos Ardá, que leva o nome que se converte en apelido en Joaquín Rodrigo, o célebre compositor do Concerto de Aranjuez.
O polígrafo ourensán coñecido como Ben-Cho-Shey, por ser este o pseudónimo co que soía asinar os seus textos, chamábase Xosé Ramón e Fernández-Oxea. Utilizaba a conxunción copulativa para indicar que Ramón non era segundo nome senón o primeiro dos seus apelidos, xa que, ao ter o segundo composto, a confusión podías ser maior. Ramón de nome era o seu amigo Cabanillas, que, en 1952, escribiu o soneto “A Sabeliña Ramón”, como obsequio “Na súa primeira comunión”. Na filla, ao contrario que no pai, a confusión desaparece.
O argumento esgrimido nos rexistros de que os nomes que entenden apelidos poden xerar confusión é tremendamente feble, cae polo seu propio peso. Aos pais que, finalmente, conseguiron poñerlle Lobo ao fillo tamén lles argumentaban e se amparaban para a negativa en que ese nome podía constituír un dano para o rapaz. Eu entendo perfectamente que se deban prohibir con rotundidade ese tipo de nomes que poidan facer obxecto de burla a quen os leva. Pode parecer esaxero pensar que iso poida ocorrer, mais, “como hai gente pa to”, tamén hai pais “pa to” e nunca se sabe o que pode pasar. Hai anos, cando souben da existencia de don Purificación de Cora, o fundador do xornal El Progreso de Lugo, pensaba nos aldraxes que puidera ter padecido na infancia ou na adolescencia. Logo, en conversas con xentes próximas a el e á familia, souben que parece ser que, don Puro, como era coñecido, nunca sufriu por iso.
Neste tema, son partidario de que, fóra de casos flagrantes, nos que se ve que a burla vai ser inevitable, que cadaquén lle poña a seus fillos e fillas os nomes que máis lles agraden. Cando cheguen á maioría de idade sempre poderán cambialos.

Abondando en nomes

Te puede interesar