Do meu tribo

|

L ogo das eleccións municipiais o meu concello básico, o de Neda, vai ser gobernado, por mayoría absoluta, polo PSG-PSOE. A ninguén se lle escapa que semellante éxito electoral (nove concelleiros sobre trece) se debe a quen encabeza a lista, o alcalde que recunca, Don Ángel Alvariño. Teño manifestado, en público e privado, a miña parcialiade por este home, honesto, achegado á veciñanza, pulquérrimo na xestión e as formas. Polo que non hei senón de celebrar que Alvariño reitere mandato á fronte do concello que máis amo, cun sentimento tribal que non se lle escapa a quen me coñece de verdade (non aos que me chaman “veraneante”, esquecendo non soamente que nacín en Xuvia-Neda senón que grande parte da miña obra transcorre no seu ámbito). Ora, esa alegría por Ángel e quen o secundan na lista (¡saudades, Geluco!) non mingua a miña melancolía pola frustración que debe de sentir Cristina Bouza. Concelleira de novo, polo BNG, mais lonxana ao posto de representante cultural do concello, cargo que levou con cariño, eficacia e moito tempo de adicación “gratis et amore” (e dou fe porque seguín moi en directo o labor de Cris). Desta volta sentín ben que as listas non sexan abertas pois Cristina Bouza foi do melloriño que vin xestionando Cultura (e, modestias fóra, algo entendo -ou debería- disto). Doutra banda, aínda que non se presentase nesta ocasión, hei botar de menos a Antonio Seijo, “Toniño Deportivo”, concelleiro (o hipocorístico non engana) de Deportes, e outras herbas. Home da miña xeración, entregado a Neda e ás súas causas e razóns, Toniño deixara agrupamentos hexemónicos para ir “por libre”, en candidaturas independentes. Cal meu amigo é. Benzón, pois, para quen rixen, rexiron e van rexir Neda. E unha aperta para Ignacio Cabezón en horas pouco doadas. Das que ha saír porque é un señor, temperado e con coraxe.

Do meu tribo