MARIANO, HALO DE EXPLICAR...!

Xa estamos metidos de cheo no 2013, ano do desconcerto. Esa debe ser a etiqueta determinante deste novo período, se facemos caso do balance de peche de exercicio do presidente Rajoy, quen nunha intervención infestada de incoherencias, como prognóstico, precisou entre outras lindezas que a nova anualidade sería o comezo da creación de emprego, mentres a continuación, ás preguntas dos xornalistas negaba resposta á probabilidade de que o paro alcanzase o seis millóns de afectados.

Mariano, parece que o evidente non é o seu forte! Polo visto o seu son as falacias de ligazón, é dicir, utilizar premisas faltas de conexión lóxica con respecto ás conclusións; pois resulta un todo antagónico a confluencia entre crecemento positivo do emprego e o incremento negativo do paro.

Unha de dúas, ou sobe o emprego ou o fai o paro, tendo en conta que a concorrencia de ambos os factores máis que improbable é imposible.

Débese ter presente que cando unha algarabía deste xénero tomaba protagonismo escénico, era cando Platón adoitaba dicir que... os razoamentos, como os homes, a miúdo son hipócritas.

Quen desde estas liñas rexeita ese engano colectivo que vén de proxectarse desde o Executivo faino, para evidenciar que tras ese enfoque de confusión da realidade, téntase facer tragar á poboación coa falsidade de recortes e austeridade atribuíndolles calidade milagrosa, capaz de restablecer os anteriores niveis de ocupación eemprego. Rexeitable manobra utilizada para alimentar falsas esperanzas nos destinatarios, cando saben de antemán que o conxunto de reformas lexislativas que se puxeron en práctica vía de urxencia, tiveron por única finalidade anular a estrutura material do benestar, como asemade acoutar as liberdades colectivas e individuais co obxectivo de someter toda rebeldía e poder impor así un clima predisposto á resignación. Polo visto, Rajoy e os seus adxuntos pensan sacarnos da crise sen variar de modelo económico; formulación equívoca, tan insólita como quen decide afrontar unha fuxida cara adiante tentando escapar a toda celeridade da súa propia sombra.

É obvio que a actual situación dista moito de ser un referente mais na reiteración das crises cíclicas. Esta vez encallamos nos escollos da economía neoliberal, e así, nun tempo record, pola súa propia influencia e consecuencia dunha deficiente xestión política, vémonos abocados a un “cambio de ciclo”, cuxas características difiren no substancial do modelo precedente. Avatar, que recomenda refugar os empachos de esplendor de épocas pasadas para asumir unha nova realidade cuxa complexidade desvanece toda posibilidade dunha solución convencional.

O actual crack representa un punto de inflexión cuxa notoriedade se fai patente ao verificar a configuración do mercado laboral en contraste co desequilibrio existente entre as actividades dos distintos sectores produtivos.

Mostra que por si soa, adultera toda solvencia ás acesas proclamas que prodiga o Executivo coa finalidade de alimentar expectativas sobre a creación de emprego, e cuxas previsións, se contradin en contraste coa evolución da estatística intersectorial.

Así, cabe referir que no transcurso do período comprendido entre o 2007 e o 2012, o sector primario mostrou un decrecemento que pasou do 4,31% ao 4,20%, idéntica tendencia reflectiu a actividade industrial que reduciu o seu índice ao pasar do 15,88% ao 13,99%, mesmo rumbo que o tomado polo sector da construción que como consecuencia do desastre inmobiliario disparou o seu diferencial caendo do 13,24% até o 6,84%.

Comportamento distinto dáse no sector servizos, un caso que se agrava por hipertrofia , ao pasar do 66,54% da poboación ocupada a 74,94%.

Nesta conxuntura a preferencia está marcada, habendo de ser o emprego a prioridade absoluta sobre calquera outra formulación de reactivación económica; por iso, vistas as referencias estatística s que anteceden, como condición previa, é evidente por necesario o reaxuste urxente da estrutura produtiva, un reordenamento sectorial, que terá de producirse compaxinando tal decisión co fomento da eficiencia produtiva e o investimento e novas tecnoloxías, por ser factores craves nun proceso de modernización ineludible para acadar a reactivación do emprego conxuntamente co impulso do modelo de crecemento que a nova situación demanda.

 

MARIANO, HALO DE EXPLICAR...!

Te puede interesar