Sempre traballan as mesmas

Contaba un inmigrante que estando na Suíza Alemaña onde a vida das persoas xira en torno ao traballo e onde o traballo pódese dicir na escala de valores está por enriba incluso da familia, que un día chegou un familiar do empresario para o que traballaba e preguntoulle a este galego de onde era, ao cal este respondeu de Galiza, comprobando como de seguido o familiar miraba para o seu xefe e dicía traballador.
Comenzo este artigo con esta anécdota que vivín hai uns cantos anos, pola recente información que un xornal de tirada galega publicou sobre o traballo dos parlamentarios galegos. Un traballo totalmente descoñecido para a maioría da poboación galega para a nosa desgraza e que tanta influencia ten para a calidade de vida de todos os habitantes desta terra.
Un parlamento galego onde se pode comprobar como os que máis traballan son as deputadas da oposición, algo lóxico xa que teñen que controlar ao goberno e máis facer oposición. Mais o realmente escandaloso é ver como quen máis traballa neste parlamento, a deputada Ana Pontón (BNG) traballa vinte veces máis que deputados do PP como Pedro Arias ou incluso traballa ela soa máis que corenta e un deputados do PP xuntos. Outra galega traballadora neste parlamento é Carme Adán (BNG) a cal nesta lexislatura leva presentado tres mil vinte e oito iniciativas parlamentarias. Ela soa traballa case vinte cinco veces máis que o grandioso Xosé Manuel Beiras o cal, só presentou cento noventa e oito iniciativas no parlamento do que falta a maioría das veces xa que di que o parlamento galego non vale para nada; mais del cobra por dedicación exclusiva.
Outras que traballan tamén, e digo outras xa que son mulleres as que máis traballan no parlamento, son as deputadas do partido socialista mais xa a unha relativa distancia, como Carmen Acuña.
Mais parece que no BNG ás mulleres (sen desprezar aos homes) vailles o traballo duro xa que no 2013 no congreso dos deputados a portavoz deste grupo Olaia Fernández Dávila levou o premio da prensa española, como a deputada que máis iniciativas presentou en dito congreso. Imaxinen se en vez de dúas deputadas o BNG tivese sete, como os vascos ou cataláns.
O traballo dos nosos parlamentarios non é unha cuestión banal. Grazas a el cuestións como o prezo do pan, que haxa traballo ou que os salarios e as pensións sexan dignas e se revaloricen todos os anos entre outras moitas cousas (sanidade, educación ,as pensións, etc.) son decididas nos parlamentos tanto galego como español. 
Porque é aos deputados aos que temos que pedir contas e non como comentaba o outro día nunha emisora de radio desta cidade un membro do PP en referencia á visita que fixo o rei a Ferrol, que o alcalde desta cidade desperdiciara a oportunidade de comentarlle ao monarca a situación desta comarca para que así este intercedera por nós nas altas esferas. E non vai ser quen está a escribir este artigo quen censure a axuda, canta máis mellor que poida vir, mais o que hai que facer é esixir aos nosos parlamentarios elixidos en cada localidade que traballen arreo alí onde estean polo ben das súas respectivas comarcas e non pedir axuda a príncipes, princesitas, papas ou monarcas. 
Os deputados e deputadas elixidos en Ferrol deben se fundamentalmente a Ferrol e os da Coruña á Coruña e o que non pode ser é que un parlamentario galego a súa única intervención en catro anos no parlamento español sexa para demandar mellorar o alumeado das Illas Chafarinas. Unha burla incluso aos votantes de dito partido (PP) por non dicir, unha estafa a toda a cidadanía galega.
Xa para rematar, sería bo que os medios de comunicación, sempre desde unha praxe obxectiva, informasen habitualmente do traballo que realizan as persoas que son elixidas polo pobo para estar nas diferentes administracións e así coñecer quen está de verdade a gañarse o soldo, porque como dicía o gran Abraham Lincoln “Pódese enganar a parte do pobo parte do tempo, mais non se pode enganar a todo o pobo todo o tempo”.

Sempre traballan as mesmas

Te puede interesar