Un binomio chamado Charles Chaplin e Jackie Coogan

último dos cineconcertos no teatro Jofre organizados por Edicións Embora celebrouse na pasada sexta feira, 28 de abril, amenizado polo trío Caspervek de Vigo. Trátase do filme “The Kid” de Charles Chaplin, director, actor principal (xunto a Jackie Coogan, o rapaz) e tamén produtor da fita. 
Fermosa proposta, a dos miniconcertos, a cal desexamos poida ter continuidade en anos sucesivos. Desfrutamos así de espléndidos filmes silentes (“Berlín. Sinfonía dunha grande cidade”, “Sherlock Holmes Jr.” e “The Kid”), acompañados ao vivo polas músicas de Pegasus, Jordi Sabatés e Caspervek, coroando deste xeito un traballo cinematográfico, nesta mesma orde, xerado por Walter Ruttmann, Buster Keaton e Charles Chaplin. 
Teño de confesar que nunca tiña visto “The Kid” (1921), mais si outras fascinantes longametraxes de Chaplin: “A quimera do ouro” (1925), “Tempos modernos” (1936) ou “O grande ditador” (1940). Xa agora podo afirmar, ao igual que estoutras tres fitas nomeadas, que se trata dun grande filme. 
“A quimera do ouro” é, sen dúbida, unha obra mestra. Falamos dunha comedia dramática e de aventuras en que Chaplin interpreta a un solitario buscador de ouro de principios do pasado século, que chega a Alaska á procura de fortuna. Unha forte tormenta de neve levarao a se refuxiar na cabana dun bandido. Nacido como filme silente, en 1942 será reestreado en versión sonora, contando, alén diso, con dúas nominacións aos Oscar. 
Na longametraxe “Tempos modernos”, un obreiro metalúrxico, extenuado polo frenético ritmo da cadea de montaxe da fábrica, acaba por perder o xuízo. Logo de se recuperar nun hospital, sairá por fin pero será encarcerado por participar nunha manifestación en que se encontraba por causa do azar. 
No cárcere, aínda que tamén sen telo pretendido, axuda a controlar un motín, grazas ao cal ficará en liberdade. Unha vez fóra reemprende a loita pola sobrevivencia en compañía dunha moza orfa que haberá de coñecer na rúa. Asistimos a unha comedia dramática, presentada a través dun drama social; talvez sexa un dos filmes máis aclamados e populares de Chaplin. 
Xa con respecto a “O grande ditador”, diremos que é a historia dun humilde barbeiro xudeu que garda un parecido asombroso co ditador de Tomania, un tirano que culpa os xudeus da crítica situación que atravesa o país. Un día, os seus propios gardas confúndeno con este home e levarano a un campo de concentración. Ao mesmo tempo, ao pobre barbeiro confúndeno tamén co tirano. Nesta longametraxe, unha comedia en que se satiriza o nazismo, reprodúcese de xeito paródico a personalidade de Adolf Hitler. A fita foi nominada para cinco Oscar da Academia. 
Mais xa centrándonos no filme motivo deste artigo, “The Kid”, diremos que se trata dunha comedia dramática en que se aborda o tema da pobreza. Unha muller de escasos recursos (Edna Purviance), acaba de ter un fillo. É mai solteira, polo que ao sentirse abandonada polo pai do meniño, toma a decisión de abandonar o bebé, coa esperanza de que unha familia rica o colla en adopción. 
No entanto, o meniño terminará, ao final, nas mans dun vagabundo (Charles Chaplin). Encariñarase con el axiña e decidirá sacalo adiante sexa como for. O neno, que responderá ao nome de John (Jackie Coogan), vémolo despois convertido nun rapaz de cinco anos. De aí en adiante, a loita pola sobrevivencia e por permaneceren xuntos será unha constante aventura. 
Das longametraxes antes citadas, “The Kid” é, sen dúbida, a historia máis autobiográfica de Chaplin. O neno Charles Chaplin foi fillo dunha parella de actores de music-hall. Seu pai, de nome tamén Charles, era alcólico, doenza da cal acabará morrendo. Súa mai, Hanna, acabaría internada nun sanatorio psiquiátrico. O meniño Charles estreouse con cinco anos nas actuacións dos seus pais e estivo de xira longo tempo con eles por toda Gran Bretaña. 
Unha vez falecidos os seus proxenitores, el e o seu medio irmán, Sidney, estiveron deambulando por distintos orfanatos. Foi así como souberon de toda a soidade e da miseria, sufríndoa en carnes propias, e mostrada con especial mestría a través dos filmes do benxamín dos Chaplin, como en “The Kid”. Sydney, que era o máis vello dos dous, uniuse despois ao grupo teatral de Fred Karno. Levou consigo a seu irmán e alí permaneceron até que, após unha xira americana, foron contratados por Mack Sennett para formar parte da compañía Keystone. Nela producirase a revelación de Charles Chaplin como cómico, entrementres seu irmán, que mesmo tiña desenvolvido papeis protagonistas en varios filmes, fica eclipsado por el, pasando, finalmente, a ser o seu representante. 
É de destacar o papel desenvolvido en “The Kid” polo rapaz Jackie Coogan. Fóra da xenial escena en que esta personaxe, aínda bebé, mama dun biberón inventado cunha chocolateira (pendura do teito cun enxeñoso sistema de cordas), a figura agora encarnada por Jackie Coogan é francamente maxistral. O seu coprotagonismo e sublime actuación fano xa inmortal. 
Charlot e John son un para o outro, vividores e vagabundos, moran nunha miserábel casa, e sempre están a inventar artimañas para así sobreviviren. Son un espléndido binomio que acha a harmonía pefecta para poder saír adiante. Jackie Coogan convértese en actor chaplinesco desde o primeiro instante e ofrécenos escenas tan conmovedoras como cando é arrebatado ao pai adoptivo por parte dos servizos sociais. Trátase da escena en que, suplicante, chora pedindo que o deixen con seu pai, subido á caixa do camión en que o levan para o orfanato, se cadra unha das máis emotivas de todo o filme. 
Con todo, o drama non pode terminar infelizmente. O espectador non merece tal pago. Súa mai (Edna Purviance), que se mostrara arrepentida desde un inicio, busca o seu fillo. Porén, tórnase tarefa inútil. Ela triunfará na vida e farase rica; mais axudará aos máis necesitados facendo obras de caridade. 
Só por causa do azar é como descubrirá, definitivamente, quen é o seu fillo e poida así recuperalo. En conclusión, un final feliz para unha historia dramática en chave cómica, aderezada ademais coa destreza dos Caspervek de Vigo, todo un referente xa dentro da musicalización do cinema silente.
 

Un binomio chamado Charles Chaplin e Jackie Coogan

Te puede interesar