PSOE e Unidas Podemos obtiveron no Congreso estatal o voto a prol dos Orzamentos estatais para o 2021 de Más Pais, Compromìs, PdeCat, ERC, PNV, EH-Bildu, Nueva Canarias, Teruel Existe e PRC e o voto en contra das demáis forzas parlamentarias, entre elas a CUP, JuntsxCat e BNG.
Moi logo da emisión do voto, políticos responsábeis de recentes fracasos electorais para cadanseus partidos como Pablo Arangüena e Xoaquín F. Leiceaga (PSdeG) ou Antón Gómez-Reino (Unidas Podemos) tiveron a fachenda de criticar o voto en contra do BNG a uns Orzamentos estatais disque moi sociais, máis que aumentan nun 40% os investimentos para Andalucía ao tempo que rebaixan un 11% os investimentos directos no noso País a respecto dos Orzamentos do PP estatal do 2018, prorrogados no 2019 e 2020. Por certo, uns Orzamentos do 2018 xa ,moi rebaixados a respecto dos do 2009, récord en investimentos para Galicia, obtidos pola estratexia do BNG daquela liderado por Anxo Quintana con Paco Jorquera no Congreso.
É certo que o BNG acadou, dende o pacto de investidura de xaneiro deste 2020, que as peaxes da autoestrada AP-9 fosen substancialmente rebaixados. Mais o Goberno do Estado está a incumprir varios dos acordos daquel pacto. Verdade que a pandemia abrollou outras prioridades, mais o que non é asumíbel é o desleixo co que Pedro@Pablo ollan a axenda galega. Dos pactos de investidura podemos entender que, existindo as prioridades da pandemia, non se traspasase ao noso país a xestión da AP-9, mais non se entende a inacción a respecto das medidas compensatorias da transición ecolóxica das centrais eléctricas das Pontes e Meirama-Cerceda, a obrigada intervención pública da fábrica de aluminio primario de Alcoa en San Cibrao ou a falla de compromiso cos fulcrais investimentos das conexión ferroviarias dos portos da Coruña e Ferrol ou co eixo atlántico, conectando a alta velocidade Porto-Lisboa co corredor atlántico A Coruña-Vigo. Un eixo manifestamente desprezado por Pedro Sánchez na recente cimeira hispanolusa, coa súa defensa do potenciamento da conexión directa Lisboa-Madrid contra a claridade estratéxica do goberno portugués.
Cataláns (ERC-13 deputados- e os 4 deputados do PdeCAT escindido de JuntsxCat) e vascos (5 PNV, 4 Eh Bildu) aproveitaron intelixentemente o seu número para lle impor ao Goberno do Estado unhas condicións que lles permiten apoiar, malia que saben ben que a esquerda española é case tan incumpridora dos compromisos asumidos como a dereita española. Neste senso, seica ERC teña que dar contas no vindeiro proceso electoral da súa continua aposta por unha esquerda española que non foi quen de guindar fóra do cárcere ao seu líder, Oriol Junqueras, nos dous anos e medio decorridos desque Pedro Sánchez entrou na Moncloa.
De seguro que un soberanismo galego con 3, 4 ou 5 deputados (os que lle darían nunhas estatais os seus resultados de xullo nas nacionais galegas) sería fulcral neste proceso e obtería uns resultados para Galicia que nin PP nin PSOE tentan dende o seu dependentismo. Os anguriados representantes da esquerda estatal terían entón a cumprida resposta sobre o compromiso do soberanismo galego, logo de pagar a peaxe correspondente para satisfacer uns nosos intereses que o 5,5% do noso PIB e o 5,2% da nosa poboación sobre os estatais non permiten garantir no xogo político estatal.