Desemprego galaico

Un dos grandes misterios económicos galaicos que non se resolverá nin con esta crise nin coa próxima consiste nos motivos polos cales sempre temos unhas cifras de desemprego tan elevadas tendo en conta de que somos pouca poboación. Ninguén dá unha resposta satisfactoria e válida nin atina coas causas, porque se as soubese hai que pensar que se solucionaría, aínda que coñecendo aos políticos autóctonos só cabe esperar que non buscasen unha fórmula para evitalo.
Fóra das explicacións técnicas, a explicación aos altos índices de desemprego tanto en época de bonanza, non da serie, como en momentos de crise, como os actuais sempre existiu unha porcentaxe de paro preocupante e vergoñenta que non se quixo atallar desde San Caetano sen que se saiba moi ben o motivo, a non ser que as cifras non sexan exactas, como todo parece que así é ou como din algúns que en Galicia sempre houbo pleno emprego, pero oculto.
Como exemplificaba un especialista na materia que baseaba o seu razoamento no seguinte. Dicía el que todos coñecemos a unha muller, rexistrada como desempregada, que traballa de doméstica en varias casas ao longo do día e por horas, casada con un home na mesma situación laboral e que realiza encargos a demanda de albanelería, fontanería, electricidade, transporte ou calquera outra actividade á marxe do circuíto legal. A esta parella os vencementos a fin de mes constitúen uns ingresos superiores á media, moito máis amplos que se estivesen dentro do mundo laboral.
Nesta situación encóntranse miles de galaicos para quen as regras do mercado laboral supoñen un atraso e unha diminución de ingresos  e a quen non asusta á idade de xubilación porque moitos deles seguen traballando até a sepultura posto que xa teñen garantida unha exigua pensión, despois de pasar por estar empregados un período de tempo en calquera factoría ou baixo contrato parcial.
Nos futuros gabinetes da Xunta faise necesaria unha consellería de economía oculta, que é o verdadeiro sostén do país, algo así como o PER andaluz, senón non se entende que non haxa outras revoltas irmandiñas dado que os indicadores son propios dos século pasado: as pensións máis baixas e o custo laboral polo solo.
O poder da economía negra galaica é moi forte e até é posible que exista unha confederación de empregados de traballo oculto, porque aquí calquera ía a un banco e pedía unha hipoteca sen ter unha nómina regular que se lle concedía sen problemas tras ver o nivel de ingresos da súa conta corrente, que só era a metade do que gardaba na casa. Un empregado bancario contaba de que a maioría dos seus clientes tiñan miles de euros a prazo fixo e nada para uso frecuente de tal modo que sempre ían pagar os recibos con cartos na man e todos estaban no paro.

Desemprego galaico

Te puede interesar