Unha das últimas sextillas do Martín Fierro, o grande poema nacional arxentino de José Hernández, compóñena estes versos que recollen un dos consellos que o gaucho protagonista que dá nome á obra lles dá aos fillos: “Muchas cosas pierde el hombre / que a veces las vuelve a hallar, / pero les debo enseñar, / y es güeno que lo recuerden, / si la verguenza se pierde / jamas se vuelve a encontrar” (vv. 4885-4890). Pensei neles onte pola mañá totalmente indignado despois de ler a nova de que a ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, acababa de defender que nos últimos dez anos as pensións mantiveran o seu poder adquisitivo, mesmo superando nun 0,03% o índice de prezos. Pero a cousa non acababa nesa mentira atroz. A señora Báñez engadía que era moi boa noticia que España saíra da crise dunha maneira xusta e social. Alucinante. Dicir cousas así só é posible cando se carece do máis mínimo pudor, cando se acada un estado de desvergoña absoluta.Vergoña non teñen ningunha, mais non cansan de nos tocar as vergonzas.